[Ao Club Faro de Vigo] Por xustiza: coas vítimas das guarimbas

O Club Faro de Vigo, financiado polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, trae de visita ao dirixente de extrema dereita venezolano Leopoldo López.

Preséntano coma un heroe e dolosamente ocultan os mortos e feridos que se produciron nos enfrontamentos moi violentos (coñecidos en Venezuela como guarimbas) promovidos por este personaxe e executados polos seus partidarios. Foi unha onda de violencia que só nuns meses deixou 43 venezolanos mortos e máis de 800 feridos, resultado da frustración da dereita ao ter sido derrotada polo chavismo pola vía electoral.

Os seus seguidores sinalaban perigosamente nas redes sociais a persoas acusadas de ser chavistas con fotos e datos persoais, converténdoos en dianas. No punto álxido da súa violencia, queimaron vivo a un repartidor negro que estaba de paso por ser sospeitoso de chavista.

López Mendoza foi condenado, polos delitos de instigación pública, danos á propiedade, incendio e asociación para delinquir, a 13 anos de prisión. Finalmente cumpriu menos de tres, acabando por fuxir ao arresto domiciliario e sendo acollido no Estado Español, polo que é un prófugo da xustiza venezolana.

De quen ven sendo Leopoldo López Mendoza?

O seu pai na actualidade é eurodeputado, ao que o PP concedeu a “nacionalidade express” para que defendese ao seu fillo no Parlamento Europeo.

A nai descende dunha das familias, máis ricas de Caracas que forman parte dunha elite coñecida como “Los amos del Valle”. Durante o século XX, os Mendoza amasaron unha inmensa fortuna da man dos gobernos corruptos de Venezuela.
Forman parte dunha clase social de comisionistas, que parasitou durante case un século o estado venezolano acumulando riquezas persoais e condenando a boa parte da poboación á fame, á miseria e ao analfabetismo. Non é de estrañar que estas familias non acepten o chavismo, afeitos como están a conseguir dos sucesivos gobernos o mellor para os seus petos.

O único compromiso de Leopoldo López é con esa forma de vida, chea de privilexios. De feito, na actualidade está a residir no barrio de Salamanca en Madrid, nunha vivenda que ten un prezo de alugueiro de 10.000€ mensuais.
A estas xentes sempre lles sobraron as clases humildes que mantiñan lonxe das súas urbanizacións.

Rexeitamos a promoción propagandística e falseada do ultradereitista Leopoldo López. Reivindicamos as vítimas dos seus actos. Estamos coas persoas que nestes últimos 23 anos, en Venezuela, accederon á escola, á vivenda e á sanidade, con aqueles que puideron dignificar a súa vida.

Subscriben o texto as seguintes organizacións galegas:

Agrupación Xosé Velo
Asemblea Republicana de Vigo
Asociación Galego Cubana Francisco Villamil
Confederación Intersindical Galega
Confederación Unitaria de Traballadoras
Esquerda Unida
Frente Popular Galega
Mar de Lumes
Movemento Arredista
Partido Comunista de Galicia
Partido Comunista do Povo Galego
Partido Comunista pola Republica Galega
Podemos Galicia

Honran en Vigo o 5 de xullo ante o busto de Simón Bolívar

O cónsul de Venezuela, Martín Pacheco, lembrou este 5 de xullo que a loita polos principios que animaron á Independencia, para defender contra calquera Imperio, a soberanía, a liberdade e a democracia da República Bolivariana, segue viva.

Cunha ofrenda floral ante o busto do Libertador Simón Bolívar e axitando o tricolor venezolano, a transcendental data da Independencia da República Bolivariana de Venezuela celebrouse con alegría na cidade de Vigo.

Ao calor dunha forza patriótica unitaria, representada por venezolanos, partidos políticos, representantes de organizacións sociais, sindicatos, grupos parlamentarios e solidarios, entre outros, tivo lugar o acto de ofrenda ao Pai da Nación, “no convencemento de que seguiremos gañando a guerra contra o Imperio”, dixo o cónsul de Venezuela en Vigo.

“211 anos despois da sinatura da Declaración de Independencia da patria de Bolívar, resistimos as pretensións imperiais que ameazan a nosa democracia e honramos ao Libertador, recordando ao mundo que somos herdeiros dos patriotas que venceron o 5 de xullo de 1811” , dixo o alto diplomático, que lembrou o peso histórico desta data, na que se consolidou un Estado soberano, que deixou constancia na Declaración de Independencia de que non haberá poder imperial, nin vontade estranxeira, que derrube a Patria. de Bolívar.

Charla con Farruco Sesto en Vigo

O pasado 28 de abril comezamos unha nova etapa na Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez, cunha charla de Farruco Sesto (exministro do goberno de Chávez) no noso local en Vigo. No encontro explicou a evolución de Venezuela nos últimos 50 anos, a forma en que a Revolución Bolivariana devolveu a dignidade aos mais desfavorecidos e como o bloqueo ralentiza ese proceso.

Nas próximas semanas seguiremos a anunciar novas actividades.