Manifestación en Compostela baixo o lema “Alto á agresión ianque contra Venezuela, Pola paz e soberanía dos pobos”

As organizacións convocantes, a Asociación AGABO e as integradas no Capítulo Galego da Internacional Antifascista (AGABO, Asamblea Republicana de Vigo , Asociación Galego Cubana Francisco Villamil, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Central Unitaria de Traballadoras (CUT), Comité Antifascista da Louriña, Comité Galego do PCE (m-l), Colectivo da Raia, Comunismo Revolucionario Galego, Confederación Intersindical Galega (CIG), Encontro Galego contra a OTAN, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Insubmisas contra o Rearmamento, Mar de Lumes, Movemento Arredista, Partido Comunista de Galicia (PCG), Partido Comunista da República Galega (PCRG), Partido Comunista do Pobo Galego, Partido Comunista dos Pobos de España – Comunistas da Galiza, Plataforma Antifascista e Republicana, Podemos Galiza, Unión do Pobo Galego (UPG), Xuventude Comunista de España (Marxista-Leninista) chamamos á mobilización o próximo sábado 10 de xaneiro ás 12h na cidade de Santiago de Compostela desde a Alameda baixo o lema “Alto á agresión ianque contra Venezuela, Pola paz e soberanía dos pobos” para condenar a agresión militar dos EEUU contra Venezuela, rexeitar o secuestro do presidente venezolano Nicolas Maduro e da primeira dama, Cilia Flores, expresar a nosa solidariedade co pobo venezolano e defender o dereito á soberanía do pobos.

O sucedido constitúe unha violación grave do Dereito Internacional e do sistema multilateral :

  • Vulnera a Carta das Nacións Unidas e o seu principio de prohibición do uso da forza contra a integridade territorial dun Estado.
  • Vulnera o dereito á soberanía nacional de Venezuela.
  • Carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU, polo que é ilegal.
  • Establece un precedente perigoso que ameaza a seguridade global e rexional.

Desde as organizacións convocantes facemos un chamamento ao movemento político, sindical, asociativo e social da Galiza para mobilizarse masivamente o próximo sábado en Santiago de Compostela, Galiza é un país solidario e internacionalista, afirmamos con rotundidade: non á guerra, non á inxerencia, si á soberanía dos pobos e á paz. Galiza coa Venezuela!

CONTRA AS DEPORTACIÓNS ARBITRARIAS POR PARTE DE ESTADOS UNIDOS E EN DEFENSA DA DIGNIDADE DAS PERSOAS E DOS POBOS.

Desde a Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, como fillas e fillos dun pobo historicamente emigrante, denunciamos con firmeza a política de deportacións arbitrarias que Estados Unidos está a aplicar contra cidadáns venezolanos. A gravidade desta práctica é extrema: sen mediar xuízo xusto nin probas concluíntes, persoas inocentes están a ser trasladadas a cárceres de máxima seguridade no Salvador, establecementos deseñados para membros de bandas extremadamente violentas, onde as condicións de reclusión vulneran os máis elementais dereitos humanos.

Este ataque inaceptábel contra a diáspora venezolana forma parte da ofensiva racista e xenófoba instaurada polo goberno estadounidense, agora continuada por administracións que, baixo un discurso de defensa da democracia e os dereitos humanos, perpetúan políticas de segregación e persecución contra os pobos do Sur Global.

O argumento empregado para estas deportacións é tan inxusto como perigoso: acusacións sen evidencia sólida sobre un suposto vencello co Tren de Aragua, fundamentadas exclusivamente en elementos tan arbitrarios como a presenza de tatuaxes nos corpos das persoas deportadas. Este criterio, ademais de absurdo, é discriminatorio e ilegal, pois supón unha criminalización baseada na aparencia, lembrándonos as peores prácticas de persecución racial e étnica da historia recente.

Se aceptamos que unha simple tatuaxe pode ser motivo de reclusión nunha prisión de alta seguridade, estamos a lexitimar un sistema de represión sen garantías, onde ninguén está a salvo da arbitrariedade estatal.

Estas deportacións e encarceramentos vulneran múltiples normativas internacionais, entre elas a Declaración Universal de Dereitos Humanos de 1948, cuxo artigo 9 establece que ninguén pode ser arbitrariamente detido, preso nin desterrado, e cuxo artigo 10 recoñece o dereito a un xuízo xusto perante un tribunal imparcial. Tamén violan o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos de 1966, que prohibe a detención arbitraria e estabelece o dereito para ser informado dos cargos e a un xuízo nun prazo razoábel, así como a Convención contra a Tortura de 1984, cuxo artigo 3 prohibe a expulsión de persoas a países onde poidan ser sometidas a tortura ou tratos inhumanos. Estados Unidos está a violar sistematicamente estes tratados, mentres a República do Salvador actúa como colaboradora contratista nun esquema de detencións masivas sen base legal nin moral.

Resulta revelador que sectores da oposición venezolana, que ante a comunidade internacional se presentan como “defensores dos dereitos humanos”, avalen estas medidas racistas contra os seus propios compatriotas.

Por outra banda, o silencio da Unión Europea é enxordecedor. A mesma UE que se apresura a condenar a Venezuela con argumentos políticos, cala ante as deportacións masivas, tal como fixo con outras violacións flagrantes do dereito internacional, desde Palestina até os centros de detención para migrantes no Mediterráneo.

Non podemos esquecer que unha parte importante da emigración venezolana ten a súa orixe nas “sancións” unilateriais e ilegais impostas polos propios Estados Unidos que asfixiaron a economía venezolana e dificultaron o acceso a alimentos, medicamentos e servizos básicos, provocaron e  unha crise artificial utilizada logo como pretesto para intervencións políticas e militares, e que forzaron a centos de miles de persoas a abandonar o seu país. Agora, esas mesmas persoas que emigraron son perseguidas e tratadas como criminais.

Como galegos e galegas, sabemos ben o que significa a emigración. A nosa historia está marcada polo exilio e a procura de oportunidades lonxe da nosa terra. Por iso, non podemos quedar calados ante a criminalización dos nosos irmáns e irmás venezolanos.

Esiximos a condena internacional destas deportacións arbitrarias e a liberación decontado das persoas encarceradas sen xuízo xusto.

Reclamamos tamén o fin da criminalización baseada en perfís raciais ou estéticos, a eliminación medidas económicas unilateriais artelladas polos Estados Unidos de America contra Venezuela, que contribuíron a esta crise migratoria,

Chamamos á mobilización da sociedade civil, organizacións de dereitos humanos, sindicatos e partidos políticos para deter esta inxustiza.

Desde a Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, reafirmamos o noso compromiso coa defensa dos dereitos humanos e coa loita contra toda forma de racismo, fascismo e persecución política.

Non ás deportacións arbitrarias.

Non á criminalización da migración.

Si á xustiza, a dignidade e a solidariedade entre os pobos.