Actos en Compostela e Vigo: Imperialismo: Ataque á Soberanía dos Pobos. Do secuestro de Maduro á Guerra Global

Na actual conxuntura internacional, o imperialismo é o principal factor de  desestabilización global. Opera a través de mecanismos de dominación política,  económica e mediática que atacan directamente a soberanía dos pobos e condicionan o  destino da humanidade. A violencia política, a instrumentalización dos conflitos, as  sancións coercitivas, as guerras híbridas, a intoxicación informativa e as inxerencias  sistemáticas responden a unha mesma lóxica de poder. Unha lóxica imperial que sostén  a confrontación global e impón os seus intereses por riba da vontade dos pobos. 

Baixo esta perspectiva, a Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), en  colaboración co Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela, organiza o  acto Imperialismo: Ataque á Soberanía dos Pobos. Do Secuestro de Maduro á Guerra Global”, un espazo de análise crítica que sitúa o imperialismo no centro do  debate contemporáneo e interpela directamente á realidade internacional actual. 

O evento será unha entrevista aberta guiada por María Obelleiro, exdirectora de Nós Diario, cunha  traxectoria comprometida coa información crítica e coa defensa da soberanía popular, actualmente é docente no ensino público galego.  Intervirán Martin Pacheco Morillo, Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela  en Vigo, e Ignacio Ramonet Miguez, escritor e xornalista, analista internacional e unha  das voces máis influentes do pensamento crítico contemporáneo, exdirector de Le  Monde diplomatique e referente no estudo da comunicación e da xeopolítica global.

O acto pretende desentrañar, con claridade e sen ambigüidades, as claves da ofensiva  imperialista no século XXI a través de feitos recentes de enorme relevancia internacional:  o secuestro de Nicolás Maduro, a presión sostida contra Cuba, Colombia ou México, a  escalada bélica contra Irán e o xenocidio do pobo palestino. A partir destes casos,  analizaranse os mecanismos de intervención, as estratexias de dominación e o papel dos  medios na construción de relatos que buscan lexitimar estas dinámicas. Ao mesmo  tempo, abrirase un espazo para identificar e reforzar as respostas e resistencias que os  pobos están a artellar fronte a esta ofensiva global. 

Datas e lugares:  

* Mércores 6 de maio de 2026 – 19: 30 horas 

 Casa das Máquinas. Rúa Galeras s/n na cidade Santiago de Compostela 

* Venres 8 de maio de 2026  – 19: 00 horas 

 Galería A3 do Museo MARCO. Rúa Príncipe, 54 na cidade de Vigo 

Estes encontros promoverán unha análise crítica da realidade actual ante a agresión  imperialista global e convida á participación cidadá nun espazo aberto ao debate.

Varios milleiros de persoas rexeitan a agresión ianqui a Venezuela ao berro de “o imperialismo é terrorismo”

A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez xunto a unha vintena de organizacións, percorreu as rúas de Compostela este mediodía

Máis de 2.000 persoas mobilizáronse hoxe en Santiago de Compostela ao berro de “o imperialismo é terrorismo” para rexeitar a agresión militar dos Estados Unidos a Venezuela e para esixir a inmediata posta en liberdade do seu presidente, Nicolás Maduro, e da deputada Cilia Flores. A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e outras organizacións sindicais, políticas e sociais baixo o lema ‘Non ás agresións ianquis a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, percorreu as principais rúas da capital de Galiza ao mediodía para trasladarlle unha mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo venezolano que resiste fronte aos ataques do imperialismo estadounidense.

A manifestación arrincou da Alameda pasadas as 12:00 horas para denunciar que o que está a acontecer no país caribeño constitúe unha violación grave do Dereito Internacional e do sistema multilateral, ademais de vulnerar a Carta das Nacións Unidas e do seu principio de prohibición do uso da forza contra a integridade territorial dun Estado. A intervención dos EUA en Venezuela é un ataque contra o seu dereito á soberanía nacional e trátase dunha manobra “ilegal” xa que carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU.

Ao remate da marcha, xa na Praza de Praterías, deuse lectura ao seguinte manifesto:

O 3 de xaneiro o mundo foi testemuña duns actos brutais en Venezuela. Os Estados Unidos de América abordaron o territorio venezolano, mataron a máis de 100 persoas e destruíron almacéns de medicinas e servidores informáticos da universidade.

Este ataque non é un feito illado senón a culminación de décadas e inxerencia estadounidense nos asuntos internos de Venezuela, especialmente desde que o comandante Chávez chegou ao poder e promulgou a Lei de Hidrocarburos, destinando a renda petroleira ao benestar do pobo venezolano.

Este ataque incumpre numerosas normas de dereito internacional:

  1. Violación da Soberanía Territorial, Prohibición do Uso da Forza, Violación do Principio de Non Intervención.
  2.  Vulneración da Inviolabilidade do Xefe de Estado.

Os argumentos para xustificar esta intervención foron falsos e ademais cínicos:

  1. Narcotráfico:

Falaban de loita contra o narcotráfico, pero mentres atacaban Venezuela indultaban a Juan Orlando Hernández, ex-presidente de Honduras, condenado polos tribunais estadounidenses a 45 anos por narcotráfico.

  • Presidente ilexítimo:

Fixeron crer a moita xente, algúns incluso con boa fe, que as elección de 2024 foran gañadas en Venezuela pola oposición. Agora mesmo o propio presidente dos Estados Unidos recoñece publicamente que a oposición venezolana carece de apoio popular, lexitimidade e respecto, o que fai insostíbel esa narrativa.

Pero por se alguén tiña dúbidas sobre cales eran as intencións do Imperio, xa antes de que o presidente Maduro chegara como prisioneiro de guerra a Nova York, Donald Trump expuxo claramente por segunda vez en poucas semanas que o que quería de Venezuela era petróleo gratis e apropiarse do resto de recurso naturais, volvendo de forma ostentosa a doutrina Monroe para converter Venezuela nunha colonia do imperio americano.

Esta política quere impulsar o patrón dólar como única moeda de referencia, dado que xa desde hai máis de un ano o comercio internacional de Venezuela se estaba a realizar noutras moedas, o que supón un risco para unha economía estadounidense que co patrón dólar ve alimentada a súa conta de ingresos.

Este ataque inicia unha nova época na que de forma groseira os EUA pretenden exercer o imperialismo xa sen sequera gardar as formas. Ninguén pode levarase a engano e por iso non é o momento de ser mornos ou ambiguos.

É hora de denunciar con firmeza estas practicas imperialistas e solidarizarnos co pobo venezolano.

Pero tamén co conxunto dos pobos de América Latina que viven bloqueados polos Estados Unidos de América, algúns desde hai décadas como o caso de Cuba. E outros que sofren ameazas como Colombia ou México.

Así como con Oriente Medio e co continente africano, que veñen sufrindo constantes agresións imperialistas. E como non co pobo palestino, que padece un xenocidio por parte do goberno sionista de Israel amparado por Donald Trump e Marco Rubio.

Isto non é só sobre Nicolás Maduro. Isto é sobre se aceptamos a aplicación da lei do máis forte, da forza bruta impoñéndose sobre as regras mínimas de convivencia dos pobos e no marco da normativa internacional.

Non podemos resignarnos a que os pobos sexan vítimas dos caprichos e desexos do novo imperialismo. O mundo ten experiencias. No século pasado este tipo de “aventuras” remataron con cruentas guerras.

Por iso erguemos a voz para:

1)           Esixir con firmeza dentro do respecto á soberanía dos pobos.

  • A liberación inmediata e segura do presidente Nicolás Maduro Moros e de Cilia Flores.
  • O cesamento total da agresión militar imperialista e o respecto absoluto á integridade territorial da República Bolivariana de Venezuela. República que acolleu a miles de galegos nos anos da fame franquista e a revolucionarios galegos como Xosé Velo.
  • Que a comunidade internacional actúe con firmeza e sen ambaxes. Que condene de forma unánime esta violación e traballe para restaurar a lexitimidade baseada no dereito e na soberanía popular.
  • Cesamento inmediato das inxerencias no resto das nacións. Respectando o dereito á soberanía dos pobos e non intervención en cuestións internas e externas.

Hoxe o pobo galego consciente que participa nesta mobilización de dignidade e antiimperialismo quere MANIFESTAR a ROTUNDA CONDENA aos Estados Unidos de América e ao goberno de Donald Trump pola agresión militar e intervención en Venezuela. E o apoio á presidenta encargada, Delcy Rodríguez, que con dor asumiu esta misión, no marco da Constitución venezolana.

E como non, enviamos as nosas condolencias aos familiares das persoas mortas. Saudamos con honra aos militares venezolanos falecidos e tamén aos civís e enviamos unha enorme aperta aos amigos cubanos como exemplo de solidariedade internacionalista e sempre no apoio dos procesos revolucionarios, sexan en países de África ou en Venezuela.

O imperialismo non pasará sen oposición, aquí está a mostra real de dignidade. Desde Galiza enviamos unha mensaxe clara ao mundo: IMPERIALISMO, NUNCA MÁIS!

Galería: Manifestación “Alto á agresión ianque contra Venezuela, Pola paz e soberanía dos pobos”

Máis de 2.000 persoas mobilizáronse hoxe, 10 de xaneiro de 2026, en Santiago de Compostela ao berro de “o imperialismo é terrorismo” para rexeitar a agresión militar dos Estados Unidos a Venezuela e para esixir a inmediata posta en liberdade do seu presidente, Nicolás Maduro, e da deputada Cilia Flores. A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e outras organizacións sindicais, políticas e sociais baixo o lema ‘Non ás agresións ianquis a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, percorreu as principais rúas da capital de Galiza ao mediodía para trasladarlle unha mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo venezolano que resiste fronte aos ataques do imperialismo estadounidense.

Manifestación en Compostela baixo o lema “Alto á agresión ianque contra Venezuela, Pola paz e soberanía dos pobos”

As organizacións convocantes, a Asociación AGABO e as integradas no Capítulo Galego da Internacional Antifascista (AGABO, Asamblea Republicana de Vigo , Asociación Galego Cubana Francisco Villamil, Bloque Nacionalista Galego (BNG), Central Unitaria de Traballadoras (CUT), Comité Antifascista da Louriña, Comité Galego do PCE (m-l), Colectivo da Raia, Comunismo Revolucionario Galego, Confederación Intersindical Galega (CIG), Encontro Galego contra a OTAN, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Insubmisas contra o Rearmamento, Mar de Lumes, Movemento Arredista, Partido Comunista de Galicia (PCG), Partido Comunista da República Galega (PCRG), Partido Comunista do Pobo Galego, Partido Comunista dos Pobos de España – Comunistas da Galiza, Plataforma Antifascista e Republicana, Podemos Galiza, Unión do Pobo Galego (UPG), Xuventude Comunista de España (Marxista-Leninista) chamamos á mobilización o próximo sábado 10 de xaneiro ás 12h na cidade de Santiago de Compostela desde a Alameda baixo o lema “Alto á agresión ianque contra Venezuela, Pola paz e soberanía dos pobos” para condenar a agresión militar dos EEUU contra Venezuela, rexeitar o secuestro do presidente venezolano Nicolas Maduro e da primeira dama, Cilia Flores, expresar a nosa solidariedade co pobo venezolano e defender o dereito á soberanía do pobos.

O sucedido constitúe unha violación grave do Dereito Internacional e do sistema multilateral :

  • Vulnera a Carta das Nacións Unidas e o seu principio de prohibición do uso da forza contra a integridade territorial dun Estado.
  • Vulnera o dereito á soberanía nacional de Venezuela.
  • Carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU, polo que é ilegal.
  • Establece un precedente perigoso que ameaza a seguridade global e rexional.

Desde as organizacións convocantes facemos un chamamento ao movemento político, sindical, asociativo e social da Galiza para mobilizarse masivamente o próximo sábado en Santiago de Compostela, Galiza é un país solidario e internacionalista, afirmamos con rotundidade: non á guerra, non á inxerencia, si á soberanía dos pobos e á paz. Galiza coa Venezuela!

Sobre Bolivar, Chavez e Maduro

Respondendo a Voz de Galicia

Este artigo foi enviado a La Voz de Galicia en resposta doutro de de 13 de xaneiro titulado: “Venezuela: fundar una nacion sobre mentiras”


Contestando sobre Bolívar, Chávez e Maduro
Con motivo da toma de posesión do Presidente Maduro publicaron vostedes o día 9 de xaneiro
de 2025 unha “carta” asinada co nome de Francisco González que se titulaba “Simón Bolívar,
Maduro e Hugo Chávez”. Nesta carta trátase a figura de Simón Bolívar como un asasino
populista. A reivindicación de Bolívar deu lugar segundo esa carta a un estado fracasado en
Venezuela con líderes como Chávez e Maduro. Para rematar afirmase que a Venezuela non lle
ía tan mal nos tempos da Colonia Española e que ese país ten que mirar a ese momento
histórico para romper o ciclo. Supoño que vostede ao falar de romper o ciclo se refire a que o
chavismo perda o poder.
Desde AGABO respondémoslle con moito gusto.
Estamos de acordo en comparar a Bolívar, Chávez e Maduro. O primeiro conseguiu a
independencia do Imperio Español e os dous segundos loitaron e loitan pola independencia
económica, para que os recursos do país sexan repartidos entre os venezolanos e non entre os
accionistas das multinacionais norteamericanas. Isto o imperio norteamericano non llo pon
fácil, xa que lle ten declarada a Venezuela unha guerra económica e comunicacional con todo
tipo de intentos de inxerencia.
Non podemos estar de acordo, porque sería un disparate, coa suposta benevolencia do
Imperio Español. Aínda dando por feito que seguramente vostede descoñece as testemuñas
directas de Frei Bartolomé de las Casas, podemos recoller datos, só a modo de exemplo, dun
estudo mais recente realizado pola University College of London  e publicado en The
Conversation . Este artigo estima que no século XVII o número de mortos pertencentes aos
pobos orixinarios en América alcanzou 56 millóns, cifra que representa o 90% da poboación
precolombina e o 10% da poboación mundial. Aínda supoñendo que a maioría falecese por
enfermidades (maioritariamente levadas de Europa polos colonos), quedan moitos millóns de
mortos a causa dos malos tratos dados aos escravos e as guerras causadas pola invasión. Non é
un feito controvertido que os conquistadores tiveron que axenciarse escravos negros
procedentes de África porque lles minguou de forma radical o número de escravos autóctonos.
Simón Bolívar liberou a ese pobo composto por escravos, crioulos e pobos orixinarios. Bolívar
decretou a liberdade dos escravos e sumounos á loita pola independencia. Bolívar tiña unha
visión social de América na que se debía proceder ao reparto das terras, á vez sostiña que a
América do Sur debería permanecer unida, para evitar os imperialismos.
Bolívar fixo énfase na ameza que os EEUU supuñan en América. Non estamos só ante un líder
da independencia, Bolívar representa un símbolo para unha boa parte de América Latina.
Tanto é así que dá nome a un Estado en Venezuela, a Bolivia e a varias cidades e municipios en
toda América do Sur.

O presidente Hugo Chávez deulle o poder ao Pobo, seguindo o guión marcado por Bolívar e o
Presidente Maduro profundou aínda máis na entrega de poder ao Pobo. Proba disto último
foron os foron miles de persoas que acompañaron a Maduro nas rúas de Venezuela durante a
toma de posesión o pasado 10 de xaneiro.
Suscribe esta carta: AGABO- Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez- CIF (CIF:
G27796804)

Presidenta : Ana María Mosquera

Comunicado Oficial do Capítulo Galego da Internacional Antifascista: Sobre as inxerencias estranxeiras en Venezuela e a soberanía popular

A poucos días da investidura do presidente Nicolás Maduro, que terá lugar o vindeiro 10 de xaneiro de 2025, O Capítulo Galego da Internacional Antifascista condena enerxicamente a constante intromisión das potencias imperialistas e outros países intervencionistas nos asuntos internos de Venezuela. Esta actitude, orquestrada por intereses económicos e xeopolíticos, constitúe unha grave violación do dereito internacional e un atropelo á soberanía dos pobos.

O principio de autodeterminación, consagrado na Carta das Nacións Unidas (artigo 1 parágrafo 2), é un piar fundamental para a convivencia pacífica entre nacións. Porén, gobernos de países do Norte Global, apoiados por poderes fácticos e medios de comunicación ao servizo de elites corporativas, emprenderon unha campaña sistemática de desestabilización contra Venezuela. Esta campaña non só procura deslexitimar os procesos democráticos dese país, senón tamén promover intereses económicos alleos que saquean os recursos naturais dos pobos do Sur Global.

Desde bloqueos económicos, sancións ilegais e ameazas de intervención militar, até o apoio explícito a figuras políticas aliñadas co ultraliberalismo e o neofascismo, as accións das potencias imperialistas xeraron sufrimento e privacións ao pobo venezolano. Estas medidas, disfrazadas de “preocupación polos dereitos humanos”, constitúen en realidade un ataque directo contra un proxecto soberano que busca avanzar cara a un modelo político e social alternativo ao ditado hexemónico.

Condenamos a hipocrisía dos países que xustifican estas accións baixo o pretexto da defensa da democracia, mentres calan fronte a violacións de dereitos humanos cometidas por réximes aliados (Israel, Arabia Saudita, Turquía,…) que serven aos seus intereses económicos. Rexeitamos tamén o papel dos medios de comunicación internacionais que manipulan a opinión pública para xustificar agresións políticas e económicas contra Venezuela.

O Capítulo Galego da Internacional Antifascista fai un chamamento aos pobos do mundo para solidarizarse co pobo venezolano e coa Revolución Bolivariana, a rexeitar a narrativa imperialista e a defender o dereito de todas as nacións a decidir libremente o seu destino, sen interferencias externas. Só mediante a loita conxunta contra o imperialismo e o  neofascismo poderase garantir un mundo verdadeiramente libre e xusto.

Finalmente, instamos os países intervencionistas a cesar decontado as súas accións de desestabilización, respectar a vontade democrática do pobo venezolano e permitir que Venezuela exerza a súa soberanía sen condicionamentos. A paz e o respecto mutuo entre as nacións son imposíbeis se os dereitos dos pobos son continuamente asoballados polos intereses duns poucos.

Basta de inxerencia imperialista!

Pola autodeterminación dos pobos e a soberanía popular!

Capítulo Galego da Internacional Antifascista

A formación deste capítulo galego conta co aval e a participación de diversas organizacións políticas e sociais, entre as que destacan AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.