O Club Faro de Vigo, financiado polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, trae de visita ao dirixente de extrema dereita venezolano Leopoldo López.
Preséntano coma un heroe e dolosamente ocultan os mortos e feridos que se produciron nos enfrontamentos moi violentos (coñecidos en Venezuela como guarimbas) promovidos por este personaxe e executados polos seus partidarios. Foi unha onda de violencia que só nuns meses deixou 43 venezolanos mortos e máis de 800 feridos, resultado da frustración da dereita ao ter sido derrotada polo chavismo pola vía electoral.
Os seus seguidores sinalaban perigosamente nas redes sociais a persoas acusadas de ser chavistas con fotos e datos persoais, converténdoos en dianas. No punto álxido da súa violencia, queimaron vivo a un repartidor negro que estaba de paso por ser sospeitoso de chavista.
López Mendoza foi condenado, polos delitos de instigación pública, danos á propiedade, incendio e asociación para delinquir, a 13 anos de prisión. Finalmente cumpriu menos de tres, acabando por fuxir ao arresto domiciliario e sendo acollido no Estado Español, polo que é un prófugo da xustiza venezolana.
De quen ven sendo Leopoldo López Mendoza?
O seu pai na actualidade é eurodeputado, ao que o PP concedeu a “nacionalidade express” para que defendese ao seu fillo no Parlamento Europeo.
A nai descende dunha das familias, máis ricas de Caracas que forman parte dunha elite coñecida como “Los amos del Valle”. Durante o século XX, os Mendoza amasaron unha inmensa fortuna da man dos gobernos corruptos de Venezuela.
Forman parte dunha clase social de comisionistas, que parasitou durante case un século o estado venezolano acumulando riquezas persoais e condenando a boa parte da poboación á fame, á miseria e ao analfabetismo. Non é de estrañar que estas familias non acepten o chavismo, afeitos como están a conseguir dos sucesivos gobernos o mellor para os seus petos.
O único compromiso de Leopoldo López é con esa forma de vida, chea de privilexios. De feito, na actualidade está a residir no barrio de Salamanca en Madrid, nunha vivenda que ten un prezo de alugueiro de 10.000€ mensuais.
A estas xentes sempre lles sobraron as clases humildes que mantiñan lonxe das súas urbanizacións.
Rexeitamos a promoción propagandística e falseada do ultradereitista Leopoldo López. Reivindicamos as vítimas dos seus actos. Estamos coas persoas que nestes últimos 23 anos, en Venezuela, accederon á escola, á vivenda e á sanidade, con aqueles que puideron dignificar a súa vida.
Subscriben o texto as seguintes organizacións galegas:
Agrupación Xosé Velo
Asemblea Republicana de Vigo
Asociación Galego Cubana Francisco Villamil
Confederación Intersindical Galega
Confederación Unitaria de Traballadoras
Esquerda Unida
Frente Popular Galega
Mar de Lumes
Movemento Arredista
Partido Comunista de Galicia
Partido Comunista do Povo Galego
Partido Comunista pola Republica Galega
Podemos Galicia