AGABO e as entidades promotoras (AGABO, BNG, CIG, CUT, MAR DE LUMES, MOVEMENTO ARREDISTA, PCG, PCRG, PODEMOS GALIZA e UPG) presentan o capítulo galego ante os medios de comunicación, amosando o seu compromiso de unir forzas na Internacional Antifascista
Compostela, 17 de decembro de 2024.- Ana Mosquera, Presidenta da Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), acompañada do grupo promotor, presentou hoxe en Compostela o capítulo galego da Internacional Antifascista, unha nova iniciativa que busca frear o avance do fascismo e coordinar accións políticas e sociais a nivel global.
Segundo explicou Mosquera, “entendemos a Internacional Antifascista como unha rede mundial na que converxen organizacións políticas e sociais de todo o mundo con principios incompatibles co fascismo, coa finalidade de parar o seu avance e actuar de forma coordinada.”
O nacemento do capítulo galego prodúcese após a constitución da Internacional no Congreso Antifascista celebrado en Caracas o pasado 11 de setembro. A elección de Galiza non é casual: “Galiza foi pisoteada durante anos polo fascismo. Somos fillas e fillos deses feitos, un sufrimento que non queremos nin para nós nin para os demais pobos do mundo”, sinalou Mosquera.
A promotora salientou o contexto actual marcado pola concentración do poder en mans dunha nova aristocracia financeira e tecnolóxica, así como pola emerxencia de ideoloxías extremistas que utilizan discursos populistas para lexitimar réximes autoritarios e represivos. “No Estado español, vemos como desde Madrid flúe unha ideoloxía de extrema dereita que contamina o discurso político, paraliza calquera intento de cambio e culpabiliza os máis desfavorecidos, ao tempo que defende os intereses económicos dos máis poderosos”, engadiu.
A formación deste capítulo galego conta co aval e a participación de diversas organizacións políticas e sociais, entre as que destacan AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.
AGABO pola súa parte asume a coordinación do proxecto en Galiza.