Comunicado Oficial do Capítulo Galego da Internacional Antifascista: Sobre as inxerencias estranxeiras en Venezuela e a soberanía popular

A poucos días da investidura do presidente Nicolás Maduro, que terá lugar o vindeiro 10 de xaneiro de 2025, O Capítulo Galego da Internacional Antifascista condena enerxicamente a constante intromisión das potencias imperialistas e outros países intervencionistas nos asuntos internos de Venezuela. Esta actitude, orquestrada por intereses económicos e xeopolíticos, constitúe unha grave violación do dereito internacional e un atropelo á soberanía dos pobos.

O principio de autodeterminación, consagrado na Carta das Nacións Unidas (artigo 1 parágrafo 2), é un piar fundamental para a convivencia pacífica entre nacións. Porén, gobernos de países do Norte Global, apoiados por poderes fácticos e medios de comunicación ao servizo de elites corporativas, emprenderon unha campaña sistemática de desestabilización contra Venezuela. Esta campaña non só procura deslexitimar os procesos democráticos dese país, senón tamén promover intereses económicos alleos que saquean os recursos naturais dos pobos do Sur Global.

Desde bloqueos económicos, sancións ilegais e ameazas de intervención militar, até o apoio explícito a figuras políticas aliñadas co ultraliberalismo e o neofascismo, as accións das potencias imperialistas xeraron sufrimento e privacións ao pobo venezolano. Estas medidas, disfrazadas de “preocupación polos dereitos humanos”, constitúen en realidade un ataque directo contra un proxecto soberano que busca avanzar cara a un modelo político e social alternativo ao ditado hexemónico.

Condenamos a hipocrisía dos países que xustifican estas accións baixo o pretexto da defensa da democracia, mentres calan fronte a violacións de dereitos humanos cometidas por réximes aliados (Israel, Arabia Saudita, Turquía,…) que serven aos seus intereses económicos. Rexeitamos tamén o papel dos medios de comunicación internacionais que manipulan a opinión pública para xustificar agresións políticas e económicas contra Venezuela.

O Capítulo Galego da Internacional Antifascista fai un chamamento aos pobos do mundo para solidarizarse co pobo venezolano e coa Revolución Bolivariana, a rexeitar a narrativa imperialista e a defender o dereito de todas as nacións a decidir libremente o seu destino, sen interferencias externas. Só mediante a loita conxunta contra o imperialismo e o  neofascismo poderase garantir un mundo verdadeiramente libre e xusto.

Finalmente, instamos os países intervencionistas a cesar decontado as súas accións de desestabilización, respectar a vontade democrática do pobo venezolano e permitir que Venezuela exerza a súa soberanía sen condicionamentos. A paz e o respecto mutuo entre as nacións son imposíbeis se os dereitos dos pobos son continuamente asoballados polos intereses duns poucos.

Basta de inxerencia imperialista!

Pola autodeterminación dos pobos e a soberanía popular!

Capítulo Galego da Internacional Antifascista

A formación deste capítulo galego conta co aval e a participación de diversas organizacións políticas e sociais, entre as que destacan AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.

O capítulo galego da Internacional Antifascista preséntase en Compostela

AGABO e as entidades promotoras (AGABO, BNG, CIG, CUT, MAR DE LUMES, MOVEMENTO ARREDISTA, PCG, PCRG, PODEMOS GALIZA e UPG) presentan o capítulo galego ante os medios de comunicación, amosando o seu compromiso de unir forzas na Internacional Antifascista

Compostela, 17 de decembro de 2024.- Ana Mosquera, Presidenta da Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), acompañada do grupo promotor, presentou hoxe en Compostela o capítulo galego da Internacional Antifascista, unha nova iniciativa que busca frear o avance do fascismo e coordinar accións políticas e sociais a nivel global.

Segundo explicou Mosquera, “entendemos a Internacional Antifascista como unha rede mundial na que converxen organizacións políticas e sociais de todo o mundo con principios incompatibles co fascismo, coa finalidade de parar o seu avance e actuar de forma coordinada.”

O nacemento do capítulo galego prodúcese após a constitución da Internacional no Congreso Antifascista celebrado en Caracas o pasado 11 de setembro. A elección de Galiza non é casual: “Galiza foi pisoteada durante anos polo fascismo. Somos fillas e fillos deses feitos, un sufrimento que non queremos nin para nós nin para os demais pobos do mundo”, sinalou Mosquera.

A promotora salientou o contexto actual marcado pola concentración do poder en mans dunha nova aristocracia financeira e tecnolóxica, así como pola emerxencia de ideoloxías extremistas que utilizan discursos populistas para lexitimar réximes autoritarios e represivos. “No Estado español, vemos como desde Madrid flúe unha ideoloxía de extrema dereita que contamina o discurso político, paraliza calquera intento de cambio e culpabiliza os máis desfavorecidos, ao tempo que defende os intereses económicos dos máis poderosos”, engadiu.

A formación deste capítulo galego conta co aval e a participación de diversas organizacións políticas e sociais, entre as que destacan AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.

AGABO pola súa parte asume a coordinación do proxecto en Galiza.