Actos en Compostela e Vigo: Imperialismo: Ataque á Soberanía dos Pobos. Do secuestro de Maduro á Guerra Global

Na actual conxuntura internacional, o imperialismo é o principal factor de  desestabilización global. Opera a través de mecanismos de dominación política,  económica e mediática que atacan directamente a soberanía dos pobos e condicionan o  destino da humanidade. A violencia política, a instrumentalización dos conflitos, as  sancións coercitivas, as guerras híbridas, a intoxicación informativa e as inxerencias  sistemáticas responden a unha mesma lóxica de poder. Unha lóxica imperial que sostén  a confrontación global e impón os seus intereses por riba da vontade dos pobos. 

Baixo esta perspectiva, a Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), en  colaboración co Consulado Xeral da República Bolivariana de Venezuela, organiza o  acto Imperialismo: Ataque á Soberanía dos Pobos. Do Secuestro de Maduro á Guerra Global”, un espazo de análise crítica que sitúa o imperialismo no centro do  debate contemporáneo e interpela directamente á realidade internacional actual. 

O evento será unha entrevista aberta guiada por María Obelleiro, exdirectora de Nós Diario, cunha  traxectoria comprometida coa información crítica e coa defensa da soberanía popular, actualmente é docente no ensino público galego.  Intervirán Martin Pacheco Morillo, Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela  en Vigo, e Ignacio Ramonet Miguez, escritor e xornalista, analista internacional e unha  das voces máis influentes do pensamento crítico contemporáneo, exdirector de Le  Monde diplomatique e referente no estudo da comunicación e da xeopolítica global.

O acto pretende desentrañar, con claridade e sen ambigüidades, as claves da ofensiva  imperialista no século XXI a través de feitos recentes de enorme relevancia internacional:  o secuestro de Nicolás Maduro, a presión sostida contra Cuba, Colombia ou México, a  escalada bélica contra Irán e o xenocidio do pobo palestino. A partir destes casos,  analizaranse os mecanismos de intervención, as estratexias de dominación e o papel dos  medios na construción de relatos que buscan lexitimar estas dinámicas. Ao mesmo  tempo, abrirase un espazo para identificar e reforzar as respostas e resistencias que os  pobos están a artellar fronte a esta ofensiva global. 

Datas e lugares:  

* Mércores 6 de maio de 2026 – 19: 30 horas 

 Casa das Máquinas. Rúa Galeras s/n na cidade Santiago de Compostela 

* Venres 8 de maio de 2026  – 19: 00 horas 

 Galería A3 do Museo MARCO. Rúa Príncipe, 54 na cidade de Vigo 

Estes encontros promoverán unha análise crítica da realidade actual ante a agresión  imperialista global e convida á participación cidadá nun espazo aberto ao debate.

Varios milleiros de persoas rexeitan a agresión ianqui a Venezuela ao berro de “o imperialismo é terrorismo”

A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez xunto a unha vintena de organizacións, percorreu as rúas de Compostela este mediodía

Máis de 2.000 persoas mobilizáronse hoxe en Santiago de Compostela ao berro de “o imperialismo é terrorismo” para rexeitar a agresión militar dos Estados Unidos a Venezuela e para esixir a inmediata posta en liberdade do seu presidente, Nicolás Maduro, e da deputada Cilia Flores. A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e outras organizacións sindicais, políticas e sociais baixo o lema ‘Non ás agresións ianquis a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, percorreu as principais rúas da capital de Galiza ao mediodía para trasladarlle unha mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo venezolano que resiste fronte aos ataques do imperialismo estadounidense.

A manifestación arrincou da Alameda pasadas as 12:00 horas para denunciar que o que está a acontecer no país caribeño constitúe unha violación grave do Dereito Internacional e do sistema multilateral, ademais de vulnerar a Carta das Nacións Unidas e do seu principio de prohibición do uso da forza contra a integridade territorial dun Estado. A intervención dos EUA en Venezuela é un ataque contra o seu dereito á soberanía nacional e trátase dunha manobra “ilegal” xa que carece de autorización do Consello de Seguridade da ONU.

Ao remate da marcha, xa na Praza de Praterías, deuse lectura ao seguinte manifesto:

O 3 de xaneiro o mundo foi testemuña duns actos brutais en Venezuela. Os Estados Unidos de América abordaron o territorio venezolano, mataron a máis de 100 persoas e destruíron almacéns de medicinas e servidores informáticos da universidade.

Este ataque non é un feito illado senón a culminación de décadas e inxerencia estadounidense nos asuntos internos de Venezuela, especialmente desde que o comandante Chávez chegou ao poder e promulgou a Lei de Hidrocarburos, destinando a renda petroleira ao benestar do pobo venezolano.

Este ataque incumpre numerosas normas de dereito internacional:

  1. Violación da Soberanía Territorial, Prohibición do Uso da Forza, Violación do Principio de Non Intervención.
  2.  Vulneración da Inviolabilidade do Xefe de Estado.

Os argumentos para xustificar esta intervención foron falsos e ademais cínicos:

  1. Narcotráfico:

Falaban de loita contra o narcotráfico, pero mentres atacaban Venezuela indultaban a Juan Orlando Hernández, ex-presidente de Honduras, condenado polos tribunais estadounidenses a 45 anos por narcotráfico.

  • Presidente ilexítimo:

Fixeron crer a moita xente, algúns incluso con boa fe, que as elección de 2024 foran gañadas en Venezuela pola oposición. Agora mesmo o propio presidente dos Estados Unidos recoñece publicamente que a oposición venezolana carece de apoio popular, lexitimidade e respecto, o que fai insostíbel esa narrativa.

Pero por se alguén tiña dúbidas sobre cales eran as intencións do Imperio, xa antes de que o presidente Maduro chegara como prisioneiro de guerra a Nova York, Donald Trump expuxo claramente por segunda vez en poucas semanas que o que quería de Venezuela era petróleo gratis e apropiarse do resto de recurso naturais, volvendo de forma ostentosa a doutrina Monroe para converter Venezuela nunha colonia do imperio americano.

Esta política quere impulsar o patrón dólar como única moeda de referencia, dado que xa desde hai máis de un ano o comercio internacional de Venezuela se estaba a realizar noutras moedas, o que supón un risco para unha economía estadounidense que co patrón dólar ve alimentada a súa conta de ingresos.

Este ataque inicia unha nova época na que de forma groseira os EUA pretenden exercer o imperialismo xa sen sequera gardar as formas. Ninguén pode levarase a engano e por iso non é o momento de ser mornos ou ambiguos.

É hora de denunciar con firmeza estas practicas imperialistas e solidarizarnos co pobo venezolano.

Pero tamén co conxunto dos pobos de América Latina que viven bloqueados polos Estados Unidos de América, algúns desde hai décadas como o caso de Cuba. E outros que sofren ameazas como Colombia ou México.

Así como con Oriente Medio e co continente africano, que veñen sufrindo constantes agresións imperialistas. E como non co pobo palestino, que padece un xenocidio por parte do goberno sionista de Israel amparado por Donald Trump e Marco Rubio.

Isto non é só sobre Nicolás Maduro. Isto é sobre se aceptamos a aplicación da lei do máis forte, da forza bruta impoñéndose sobre as regras mínimas de convivencia dos pobos e no marco da normativa internacional.

Non podemos resignarnos a que os pobos sexan vítimas dos caprichos e desexos do novo imperialismo. O mundo ten experiencias. No século pasado este tipo de “aventuras” remataron con cruentas guerras.

Por iso erguemos a voz para:

1)           Esixir con firmeza dentro do respecto á soberanía dos pobos.

  • A liberación inmediata e segura do presidente Nicolás Maduro Moros e de Cilia Flores.
  • O cesamento total da agresión militar imperialista e o respecto absoluto á integridade territorial da República Bolivariana de Venezuela. República que acolleu a miles de galegos nos anos da fame franquista e a revolucionarios galegos como Xosé Velo.
  • Que a comunidade internacional actúe con firmeza e sen ambaxes. Que condene de forma unánime esta violación e traballe para restaurar a lexitimidade baseada no dereito e na soberanía popular.
  • Cesamento inmediato das inxerencias no resto das nacións. Respectando o dereito á soberanía dos pobos e non intervención en cuestións internas e externas.

Hoxe o pobo galego consciente que participa nesta mobilización de dignidade e antiimperialismo quere MANIFESTAR a ROTUNDA CONDENA aos Estados Unidos de América e ao goberno de Donald Trump pola agresión militar e intervención en Venezuela. E o apoio á presidenta encargada, Delcy Rodríguez, que con dor asumiu esta misión, no marco da Constitución venezolana.

E como non, enviamos as nosas condolencias aos familiares das persoas mortas. Saudamos con honra aos militares venezolanos falecidos e tamén aos civís e enviamos unha enorme aperta aos amigos cubanos como exemplo de solidariedade internacionalista e sempre no apoio dos procesos revolucionarios, sexan en países de África ou en Venezuela.

O imperialismo non pasará sen oposición, aquí está a mostra real de dignidade. Desde Galiza enviamos unha mensaxe clara ao mundo: IMPERIALISMO, NUNCA MÁIS!

Galería: Manifestación “Alto á agresión ianque contra Venezuela, Pola paz e soberanía dos pobos”

Máis de 2.000 persoas mobilizáronse hoxe, 10 de xaneiro de 2026, en Santiago de Compostela ao berro de “o imperialismo é terrorismo” para rexeitar a agresión militar dos Estados Unidos a Venezuela e para esixir a inmediata posta en liberdade do seu presidente, Nicolás Maduro, e da deputada Cilia Flores. A marcha, convocada pola Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez e outras organizacións sindicais, políticas e sociais baixo o lema ‘Non ás agresións ianquis a Venezuela, pola paz e a soberanía dos pobos’, percorreu as principais rúas da capital de Galiza ao mediodía para trasladarlle unha mensaxe de solidariedade e de apoio ao pobo venezolano que resiste fronte aos ataques do imperialismo estadounidense.

O Nobel da Paz convertido en arma de guerra ideolóxica

.

Oscar Lomba

A concesión do Premio Nobel da Paz a María Corina Machado é unha burla á intelixencia colectiva, unha bofetada á memoria histórica e unha proba irrefutábel de que o comité noruegués rendeuse aos intereses máis escuros do imperialismo e da ultradereita global. Non é un erro nin unha confusión, é unha provocación política, unha operación mediática deseñada para lexitimar o golpismo baixo o disfraz hipócrita da “defensa da democracia”.

Machado non representa a paz, representa o odio de clase, a destrución das institucións democráticas e o fanatismo elitista que alimentou os peores episodios de intervencionismo na historia latinoamericana. A súa carreira é un manual de desestabilización, feita de conspiracións, chamadas ao motín, campañas de desinformación e alianzas con axentes externos dispostos a reducir Venezuela a un laboratorio do caos. Premiala cun Nobel é premiar o neofascismo, a sabotaxe, o balbordo e o rancor como ferramentas políticas.

 O comité noruegués, con esta decisión, enterra definitivamente o prestixio do premio e exhibe o seu sometemento aos centros de poder que converten a paz nun concepto utilizábel, maleábel e mercantilizado. O que un día foi símbolo de ética e reconciliación hoxe é un trofeo decorativo nas mans do intervencionismo e da hipocrisía occidental. O Nobel da Paz morreu afogado entre titulares de prensa e intereses xeopolíticos.

Non é un recoñecemento, é unha declaración de guerra simbólica contra a verdade e contra todas as persoas que loitan por unha paz real, baseada na soberanía e na xustiza social. O que se premia non é a valentía nin o diálogo, senón a servidume política. É o triunfo da propaganda sobre a ética, da impostura sobre a coherencia.  A fotografía deste momento é brutal. Un galardón manchado de cinismo nas mans dunha golpista que fixo da confrontación o seu credo. Unha institución que, en lugar de honrar a paz, glorifica o conflito e a mentira. O Nobel, convertido en farsa, é hoxe o espello da súa propia decadencia. Un premio que fala de paz mentres celebra o golpismo, o intervencionismo, o imperialismo, a dominación e a guerra

Gran suceso no coloquio realizado en Vigo baixo o título “Venezuela non é como contan as redes”

Esta xeira de encontros, procuran desmantelar as mentiras da mediática internacional sobre a Revolución Bolivariana

A iniciativa da Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez, (AGABO), e o Consulado da República Bolivariana de Venezuela en Vigo, con xurisdición en Galiza e Asturias, celebrouse onte á noite un significativo coloquio informativo e diálogo que busca desmentir en todas as frontes a mediática internacional hexemónica sobre a realidade da Revolución Bolivariana, que ten unhas das súas máximas expresións no Estado español.

Tres dos invitados especiais a Venezuela con motivo da xuramentación do presidente Nicolás Maduro Mouros: Ana Mosquera, Celso López, e Alexandre Bastero exteriorizaron as súas experiencias e testemuñaron a realidade dun proceso político que en Venezuela busca aceleradamente profundar e ampliar a democracia participativa como establece a Constitución Bolivariana de 1999.

Ana Mosquera, presidenta AGABO e o Cónsul Xeral de Venezuela, Martin Pacheco, profundaron sobre os diferentes eventos antifascistas que converteron a Venezuela no centro mundial da loita contra o fascismo e o neofascismo; fixeron exposicións sobre as visitas a diferentes estados de Venezuela durante o ano 2024 e mostraron elementos audiovisuais que comproban a utilización de bulos por parte da ultradereita para tratar de descualificar o poder electoral que organiza coordina e vixía todas as facetas dun proceso electoral en Venezuela.

Bastero, Mosquera e López, deixaron claro a perspectiva real dun proceso político venezolano que está en plena efervescencia e transformación social, protagonizado polo pobo, impulsando unha profundización da democracia participativa que é exemplo para o mundo nas reivindicacións sociais e políticas coñecidas xa no mundo como socialismo do século XXI.

Os participantes fixeron alusión ao 36 mil proxectos presentados polo Poder Popular que serán aprobados en consulta popular o 2 febreiro, así como a elección de Deputadas e Deputados para a Asemblea Nacional, gobernadores e integrantes aos Consellos Lexislativos rexionais.

Esta actividade organizada en VIgo, estimulou positivamente ao público presente, que representa aos diferentes movementos sociais que teñen vida pública na Galiza; onde se produciu un amplo intercambio de preguntas e respostas que colaboraron a desenmascarar o veto informativo e propagandístico que oculta a extensa loita revolucionaria que durante 25 anos mantivo vivo o espírito do noso Liberador Simón Bolívar, do Comandante Presidente Hugo Chávez Frías e do presidente constitucional Nicolás Maduro Moros.

Finalmente, Adrián Bravo tamén directivo de AGABO, anunciou que esta será a primeira reunión dun ciclo de presentacións en Galiza para seguir difundindo a perspectiva revolucionaria do calendario electoral correspondente a este ano. Chamando a participar na próxima actividade que terá lugar o mércores 5 de febreiro ás 19:30h na Facultade de Ciencias Políticas da USC na aula 0.2

Sobre Bolivar, Chavez e Maduro

Respondendo a Voz de Galicia

Este artigo foi enviado a La Voz de Galicia en resposta doutro de de 13 de xaneiro titulado: “Venezuela: fundar una nacion sobre mentiras”


Contestando sobre Bolívar, Chávez e Maduro
Con motivo da toma de posesión do Presidente Maduro publicaron vostedes o día 9 de xaneiro
de 2025 unha “carta” asinada co nome de Francisco González que se titulaba “Simón Bolívar,
Maduro e Hugo Chávez”. Nesta carta trátase a figura de Simón Bolívar como un asasino
populista. A reivindicación de Bolívar deu lugar segundo esa carta a un estado fracasado en
Venezuela con líderes como Chávez e Maduro. Para rematar afirmase que a Venezuela non lle
ía tan mal nos tempos da Colonia Española e que ese país ten que mirar a ese momento
histórico para romper o ciclo. Supoño que vostede ao falar de romper o ciclo se refire a que o
chavismo perda o poder.
Desde AGABO respondémoslle con moito gusto.
Estamos de acordo en comparar a Bolívar, Chávez e Maduro. O primeiro conseguiu a
independencia do Imperio Español e os dous segundos loitaron e loitan pola independencia
económica, para que os recursos do país sexan repartidos entre os venezolanos e non entre os
accionistas das multinacionais norteamericanas. Isto o imperio norteamericano non llo pon
fácil, xa que lle ten declarada a Venezuela unha guerra económica e comunicacional con todo
tipo de intentos de inxerencia.
Non podemos estar de acordo, porque sería un disparate, coa suposta benevolencia do
Imperio Español. Aínda dando por feito que seguramente vostede descoñece as testemuñas
directas de Frei Bartolomé de las Casas, podemos recoller datos, só a modo de exemplo, dun
estudo mais recente realizado pola University College of London  e publicado en The
Conversation . Este artigo estima que no século XVII o número de mortos pertencentes aos
pobos orixinarios en América alcanzou 56 millóns, cifra que representa o 90% da poboación
precolombina e o 10% da poboación mundial. Aínda supoñendo que a maioría falecese por
enfermidades (maioritariamente levadas de Europa polos colonos), quedan moitos millóns de
mortos a causa dos malos tratos dados aos escravos e as guerras causadas pola invasión. Non é
un feito controvertido que os conquistadores tiveron que axenciarse escravos negros
procedentes de África porque lles minguou de forma radical o número de escravos autóctonos.
Simón Bolívar liberou a ese pobo composto por escravos, crioulos e pobos orixinarios. Bolívar
decretou a liberdade dos escravos e sumounos á loita pola independencia. Bolívar tiña unha
visión social de América na que se debía proceder ao reparto das terras, á vez sostiña que a
América do Sur debería permanecer unida, para evitar os imperialismos.
Bolívar fixo énfase na ameza que os EEUU supuñan en América. Non estamos só ante un líder
da independencia, Bolívar representa un símbolo para unha boa parte de América Latina.
Tanto é así que dá nome a un Estado en Venezuela, a Bolivia e a varias cidades e municipios en
toda América do Sur.

O presidente Hugo Chávez deulle o poder ao Pobo, seguindo o guión marcado por Bolívar e o
Presidente Maduro profundou aínda máis na entrega de poder ao Pobo. Proba disto último
foron os foron miles de persoas que acompañaron a Maduro nas rúas de Venezuela durante a
toma de posesión o pasado 10 de xaneiro.
Suscribe esta carta: AGABO- Asociación Galego-Bolivariana Hugo Chávez- CIF (CIF:
G27796804)

Presidenta : Ana María Mosquera

AGABO condena os actos vandálicos da extrema dereita contra o Consulado de Venezuela en Vigo

A Asociación Galego Bolivariana – Hugo Chávez (AGABO) expresa o seu rexeitamento aos ataques vandálicos cometidos pola extrema dereita contra o Consulado da República Bolivariana de Venezuela na cidade de Vigo.

Segundo confirman fontes consulares a AGABO, a sede do Goberno venezolano amenceu este domingo cunha pintada na súa fachada na que se pode ler a palabra “dictador”. Ademais, estas mesmas fontes confirman que o vidro da sede consular foi golpeada e que a fechadura da porta de entrada presentaba danos. Así, estes actos contra o Consulado na Galiza foron cometidos na madrugada do sábado ao domingo 12 de xaneiro. Os feitos coincidiron ademais co atentado con cóctel molotov cometido contra a sede consular de Venezuela en Lisboa na mesma noite.

Esta agresión contra os servizos que prestan atención ao pobo venezolano no noso país son unha mostra máis das accións de odio e violencia dos grupos de extrema dereita liderados por quen nega os resultados electorais do pasado 28 de xullo de 2024. Mensaxes de odio que nos últimos días veñen de recibir amparo e difusión dos numerosos medios de comunicación dos países da OTAN.

AGABO, presente este venres 10 de xaneiro de 2025 en Caracas, na investidura de Nicolás Maduro como lexítimo presidente de Venezuela, comprobou en primeira persoa como a comunidade internacional avala os resultados do pasado 28 de xullo. Constatou ademais que os grupos enervados do fascismo non poderán reverter os avances da Revolución Bolivariana e a súa vontade de vivir en paz e de defender da súa soberanía nacional. AGABO insta o movemento galego de  solidariedade con Venezuela a ficar atentas e atentos ante posíbeis agresións nas próximas horas. A asociación lembra a responsabilidade do Goberno español a garantir a seguridade nos edificios consulares, tal e como recollen os Convenios Internacionais de Viena de 1961. Por último, AGABO exixe á Delegación do Goberno español na Galiza a cumprir coa normativa internacional como Estado receptor.

AGABO renova a súa Xunta directiva e reafirma a súa solidaridade internacionalista coa revolución bolivariana

ESTE SÁBADO 14 DE DECEMBRO A ASOCIACIÓN AGABO CELEBROU A SÚA ASEMBLEA XERAL, ONDE RENOVOU A SÚA XUNTA DIRECTIVA E ANALIZOU A SITUACIÓN ACTUAL EN VENEZUELA, E AMOSA O SEU APOIO AOS AVANCES DA REVOLUCIÓN BOLIVARIANA E AO PRESIDENTE ELECTO NICOLAS MADURO MOROS

Neste sábado 14 de decembro de 2024, a Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) celebrou a súa asemblea xeral onde analizou a situación actual en Venezuela e renovou a súa Xunta Directiva. A nova directiva está composta por Ana Mosquera Fernández que é reelixida como Presidenta da entidade; tamén continúan na equipa directiva Nuria Andión e Adrián Bravo. Incorpóranse a nova directiva Martín Coego e Óscar Lomba.  

A asemblea de AGABO analiza que a os avances da Revolución Bolivariana teñen avanzado considerablemente nos últimos anos a pesar dos ataques e os intentos de desestabilización por parte do imperialismo americano e na guerra híbrida que sofre o país.

Así mesmo, AGABO valora moi positivamente a relacións cos BRIICS e as medidas económicas realizadas polo Goberno venezolano, que conseguiron que a inflación teña uns parámetros non so razoables, senón case normais. A moeda nacional, o bolívar, vai recuperando a súa presenza nas operacións comerciais. E desapareceu o desabastecemento, pois hoxe mais do 90% dos produtos á venda nos supermercados venezolanos son producidos no país.

Ana Mosquera, presidenta de AGABO, analizou que “hai moito que aprender dun Estado que mudou as regras de xogo de Occidente. É preciso que axudemos a que se entenda que non se debe medir América Latina en xeral -e Venezuela en particular- con parámetros europeos. Comprender a Revolución Bolivariana pode axudarnos a ver a  nosa propia realidade desde outro punto de vista: saber que cada pobo ten que escribir o seu presente tendo en conta a súa historia e a súa cultura, entendida esta última como forma de afrontar a vida.”

AGABO participou como observador internacional nas eleccións deste 2024 en Venezuela, “e tivemos ocasión de ver de cerca como se desenvolveron tranquila e pacificamente.”

En verbas de Ana Mosquera, apuntou que: “Pero tamén vivimos agresións violentas ao día seguinte das eleccións. As casas dos chavistas foran marcadas nos días anteriores. Trinta persoas morreron durante eses incidentes provocados polos chamados “comanditos” de Maria Corina Machado e Edmundo González. Dúas mulleres lideres chavistas das súas comunidades, resultaron asasinadas a tiros. Ese mesmo día, en Caracas, varias lideres chavistas do Barrio de Catia foron  sitiadas nun ambulatorio que foi incendiado.”

Actualmente está colgada nas redes unha paxina web, “yacasivenezuela”, onde se esta a realizar unha sorte de crownfonding para asasinar a Maduro. O promotor público desta iniciativa, Erick Prince, é o fundador do exercito mercenario estadounidense “Academy” (anteriormente coñecida como Blackwater) .

Estes feitos, xunto co non recoñecemento  por EEUU e outros gobernos fascistas de Nicolás Maduro como presidente, ademais da situación internacional, levaron ao Goberno de Venezuela a convocar o primeiro “Congreso Mundial contra o Fascismo, Neofascismo e expresións similares”, no que se aprobou por aclamación, o do 11 de setembro deste ano, a creación dunha Internacional Antifascista.

AGABO participa activamente neste proxecto desde o primeiro momento. Sendo promotores do Capitulo da Galiza (que será presentado á prensa o próximo martes, 17 de decembro, en Compostela na Libraría Couceiro ás 11h) no cal xa se sumaron numerosas entidades e varios centos de persoas.  

Na clausura da Asemblea participou Martín Pachecho Morrillo, Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo onde trasladou un saúdo a todas as persoas socias e trasladou a benvida á nova directiva da Asociación Galego Bolivariana-Hugo Chávez (AGABO). Amosando todo o apoio do equipo consular para as actividades que se realicen proximamente. Así mesmo tamén participou na Asemblea Xeral, Farruco Sesto, exministro de Cultura e Vivenda en diferentes gobernos do Presidente Hugo Chávez Frias.