Patrias: órgaos dunha nova humanidade

Paulo Alonso, socio de AGABO e militante antifascista

O 21, 22 e 23 de novembro de 2024 celebrouse en Caracas, Venezuela, o Congreso Mundial da Xuventude Antifascista. Este Congreso enmárcase no proceso de constitución da Internacional Antifascista que culminará o dia 29 de novembro. 

Este congreso reuniu ao redor de setenta nacionalidades representadas por organizacións antifascistas e antiimperialistas de diversa índole. Este congreso significa un avance no camiño da resistencia global contra o auxe dos neofascismos, extrema dereita e expresións similares. Neste senso, Caracas será anfitrioa de valiosas iniciativas como a conformación dun tanque de pensamento co obxectivo de deseñar estratexias para enfrentar este auxe a nivel político e comunicativo. Así mesmo, este encontro serviu para pór en contacto a centos de estudantes, mozos e mozas, tecendo redes de solidariedade internacionalista nesta loita común. 

En relación con isto, é de resaltar a confluencia de multitude de movementos sociais, partidos e até gobernos, especialmente da América latina. Movementos que propugnan as causas xustas dos explotados e explotadas do continente. Pobos orixinarios, sindicatos urbanos e rurais, movemento cooperativista, feminista, ecoloxista ou mesmo do ámbito LGBT e militantes polo acceso universal ao ensino nutren este espazo coas súas respectivas loitas sectoriais e nacionais deixando claro en que lado da Historia nos atopamos. Poderíamos atrevernos a recomendar ao lector informarse sobre quen se atopa no lado oposto dos citados movementos se precisa algunha clarificación ao respecto das posicións de cadaquén. Xa adiantamos que da outra beira se encontran os bolsonaros, os uribes, os mileis, os netanyahus, os golpistas que asasinaron militantes na Bolivia e tentaron asasinar ao presidente Evo en reiteradas ocasións ou os herdeiros do pinochetismo entre outro. Neste sentido, resulta cru coñecer de primeira man as vivencias de compañeiras de toda latinoamérica con familiares e compañeiros secuestrados e até asasinados por forzas policiais ou para policiais de Estados, que por estaren aliñados co Imperio, ningún goberno nin medio cuestiona a súa lexitimidade democrática.

A Venezuela bolivariana enfrenta desde hai anos unha ofensiva da ultradereita internacional, máis recentemente avivada polo trumpismo. Este é un dos motivos polos cales o movemento revolucionario bolivariano ten tomado a vangarda internacional desta loita. Como foi manifestado no Congreso, os bolivarianos este impulso do neofascismo e as expresións similares responde en grande medida á necesidade do imperialismo de trabar os movementos emancipatorios do Sur global así como socavar os cimentos do países en loita pola súa soberanía, como é o caso de da Venezuela bolivariana. 

Esta Venezuela, vilipendiada nos medios occidentais nun constante espallar de desinformación, vive agora un momento de estabilidade e paz. Esta realidade constátase no camiñar polas rúas, nas tendas de barrio, surtidores de combustible ou nos bares caraqueños, e desminte de raíz os relatos apocalípticos espallados pola prensa do capital norteamericano.

Os mozos e mozas participantes neste encontro puidemos coñecer de primeira man as experiencias da xestión comunal da economía e os barrios, nos que se sentiu unha cálida acollida internacionalista. Neste caso, a comitiva foi acollida pola unidade de prudución comunal téxtil, na cal se confeccionaban uniformes escolares para varios miles de crianzas e adolescentes do barrio do “23 de enero”. Estas unidades produtivas están organizadas nun réxime asemblear de traballadores e teñen unha orientación social, proveendo ás súas comunidades de bens a prezos xustos ou mesmamente gratuítos. Esta produción está organizada polos traballadores e traballadoras, que estipulan as condicións de desenvolvemento dos proxectos e a xestión da financiación gubernamental destes en asemblea. De igual forma, búscase dar unha función social non só do capital senón tamén do traballo. Para isto, as funcións dentro do taller son variables. Na práctica isto significa que o traballador e traballadora, en lugar de vivir permanentemente desenvolvendo unha función concreta do proceso produtivo, aprende o labor propio de todas as fases, adquirindo coñecementos progresivamente. De igual forma, a unidade de produción busca introducir nos oficios a xuventude e estudantes, que poden comezar nas funcións máis sinxelas para ir progresando no organigrama produtivo. Actualmente o bolivarianismo márcase como obxectivo a multiplicación das xa miles de comunas, dándolle unha prioridade central nos orzamentos do Estado. Este modelo sintetiza dous eixos fundamentais do proceso revolucionario: a tranformación social orientada ao socialismo e a soberanía produtiva. Esta última é especialmente importante para un país asediado polo imperio en todas as frentes, trátase pois da II Independencia: a económica. 

No transcurso da semana decorreu unha longa marcha organizada polo movemento estudantil, na que ficou patente o desenvolvemento organizativo deste mas coordenadas chavistas. Cabe sinalar que antes da chegada do Comandante Chávez na Venezuela apenas existían nove universidades e predominaba o ensino privado. Pola contra, hoxe en día o país conta con noventa universidades, de titularidade pública e nas que o acceso vén ditaminado polo desempeño no ensino preuniversitario e non por unha proba de acceso segregatoria. Deste xeito, a Revolución Bolivariana deu acceso ao ensino, e especialmente o superior, a millóns de persoas por primeira na historia venezolana. Como vimos, o pobo venezolano non o esquece e loita por defender e expandir as súas conquistas. 

De forma chamativa para nós, desde esta beira do Atlántico, estas mobilizacións están empapadas de alegría, entusiasmo e espontaneidade. Con máis razón se esta mobilización é da xuventude e dos estudantes, que amosaron un enorme respecto e interese por coñecer os nosos pobos, as súas loitas e amosarnos a súa gratitude, a cal é recíproca. Esta calidez é claramente definitoria do pobo venezolano e puidémola sentir en cada recuncho caraqueño, onde as venezolanas e venezolanos mostraron o seu afecto e interese por Galiza, así como a súa disposición e hospitalidade para mostrarnos o mellor da súa Patria e facernos partícipes del. Desde o noso amigo caraqueño que me guiou polo precioso parque nacional de Warairarepano, cos seus 2100 metros de altura superados por un impresionante teleférico, coas súas máis que privilexiadas vistas dos vales de Caracas, ao que nos afirmou desde a súa propia vivencia diaria ao respecto do enorme progreso en materia de seguridade, firmemente convencido de que Caracas é unha cidade tranquila e cálida para o estranxeiro. É sabido que, polo menos por agora, non existe o paraíso na Terra. Porén, Venezuela dista enormemente de ser o inferno que burdamente debuxa a propaganda occidental. Isto non o digo eu, transmítirono venezolanos de todo tipo e opinión e ás súas verbas nos remitimos. De por medio temos un oceáno de distancia que aos galegos uniunos máis do que nos deparou coa Venezuela, o que non implica que as dinámicas políticas latinoamericanas sexan incomprendidas desde a mentalidade europea. Non obstante, cómpre lembrar aos galegos e aos soberanistas do mundo aquilo que Castelao nos ensinou, e é que cada pobo diferente ten o seu ideal revolucionario, e que, polo tanto, necesita facer a súa revolución.