Liberdade para Alex Saab, preso político nos EEUU

O país que rexenta a prisión ilegal de Guantánamo vai xulgar a partir do día 12 de decembro de 2022 o diplomático venezolano Alex Saab. O seu delito: xestionar a compra de alimentos, medicamentos e bens básicos para o pobo de Venezuela durante a crise de abastecemento sufrida a causa do bloqueo económico imposto polos Estados Unidos.

Un decreto do Tesouro dos Estados Unidos estase aplicando en todo o mundo de forma totalmente irregular, pois ese organismo non debería ter xurisdición fóra das fronteiras dese país. Ocorre que ao facerse as transaccións internacionais en dólares, poden resultar castigadas aquelas persoas, empresas ou estados que realicen intercambios económicos en dólares con Venezuela.

Neste contexto, Alex Saab foi nomeado en abril de 2018 diplomatico coa categoría de Enviado Especial do Goberno de Venezuela para xestionar a compra de subministros básicos.

O 12 de xuño de 2020 Alex Saab realiza unha viaxe internacional co encargo do Goberno venezolano para a compra de bens de primeira necesidade. O avión de Alex Saab fai escala en Cabo Verde para repostar, onde é detido a petición de EEUU sen ningunha orde de arresto internacional nese momento. A súa detención polo tanto é absolutamente ilegal, ao non existir no momento da súa detención en Cabo Verde ningún fundamento legal que a xustifique.

Durante a súa detención sufre torturas por parte de varios axentes da CIA, que lle negaron auga e atención médica. Despois foi trasladado aos EEUU.

A apertura do procedemento penal aberto nos EEUU vulnera o artigo 14b) da Convención de Viena sobre Relacións Diplomáticas de 1961, ao non respectar a inmunidade diplomática.

Pero sobre todo, o proceso penal aberto en EEUU contra Alex Saab é unha resposta á frustración ao ver que o Goberno de Venezuela era capaz de romper o bloqueo contra a vontade imperialista.

Por todo isto, esiximos ao Goberno dos EEUU a liberación de Alex Saab, porque este proceso non só viola a Convención de Viena de 1961 senon que tamén pretende impoñer a lei do imperio en todo o mundo.

Subscriben o comunicado as seguintes organizacións galegas:

AGABO (Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez), Agrupación Xosé Velo, Anova – Irmandade Nacionalista, Asociación de Amizade Galego-Cubana Francisco Villamil, BNG (Bloque Nacionalista Galego), CIG (Confederación Intersindical Galega), CUT (Central Unitaria de Traballadoras/es), Esculca – Observatorio de Defensa dos Dereitos e Liberdades, EU (Esquerda Unida), FPG (Frente Popular Galega), Fundación Galiza Sempre, Galiza Nova, Isca!, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, Movimento Arredista, PCG (Partido Comunista de Galicia), PCPG (Partido Comunista do Pobo Galego), Podemos Galicia, UMG (Unión da Mocidade Galega), UPG, Xuventude Comunista.