DIARIO EL PAÍS. Con Venezuela acoso e derribo

En El País do pasado venres, 5 de xullo, publícase unha nova, Nicolás Maduro y Edmundo
González inician la campaña presidencial con puestas en escena opuestas. Neste artigo,
ilustrado con varias fotos da caravana do candidato opositor Edmundo González Urrutia,
secundado por María Corina Machado, continúan os mantras repetidos pola prensa
occidental, coma o das enquisas favorables a González e os anhelos de liberdade por
parte da oposición. Deste xeito pretenden que vaia calando na opinión pública para
xustificar a demanda dunha inexistente fraude electoral. Isto chégase a afirmar
directamente nunha peza na que se afirma que o chavismo, de aceptar os resultados do
28 de xullo, terá que abandonar un poder que co tempo deveu en absoluto: a chamada
revolución bolivariana.
Tanto no citado no inicio coma noutros artigos establécense varios contrastes que
resultan xa case risibles para uns ollos lectores avisados, como a participación
espontánea dos mozos antichavistas, fronte a unha suposta censura aos rapaces
ocupantes dun autobús que participa na campaña do presidente Maduro, ou o acoso da
policía aos candidatos opositores. Chégase a criticar a conxestión do centro pola
campaña de Nicolás Maduro, mentres que a “espesa caravana de motos, camiones y
gente a pie” que seguía a González e Machado non pareceu producir atasco ningún.
O día 1 deste mes, publica outro artigo no que se compara o fenómeno electoral de
María Corina Machado co apoio popular do comandante Hugo Chávez en 1998. Neste
artigo, resáltase o traspaso do seu capital político a González Urrutia, ao tempo que
centra as súas posicións dereitistas e apela ao cambio e á ilusión. A ilusión polo cambio,
que queda nun simple eslogan, é resaltada por Jesús Seguías, director da consultaría
Dataincorp, que leva a cabo tamén unha campaña en redes contra o goberno de Maduro
e a favor de Edmundo González. Non parece que as enquisas realizadas por esta
empresa vaian ser imparciais, precisamente.
En canto a Machado, nin unha palabra das razóns polas que foi inhabilitada durante 15
anos, nunha sentenza que establece, entre varios delitos, que participou na trama de
corrupción orquestrada por Juan Guaidó, que pediu a aplicación de sancións e bloqueo
económico de Venezuela e propiciou o secuestro de 4.000 millóns de dólares, retidos
no sistema bancario internacional. Estas medidas poñen paos na roda da economía do
país e impiden a adquisición de bens esenciais para a poboación. A manipulación deste
xornal, por acción ou omisión, é moeda común na prensa maioritaria española.