Desde o Capítulo Galego da Internacional Antifascista impulsada desde a Asociación AGABO e composta polas organización AGABO, BNG, CIG, CRG, CUT, MAR DE LUMES, MOVEMENTO ARREDISTA, PCG, PCRG, PODEMOS GALIZA e UPG convocan unha concentración urxente hoxe sábado 3 de xaneiro ás 20h diante do Consulado da República de Venezuela na cidade de Vigo (Rúa Velázquez Moreno, 3) ante os ataques militares e golpe de estado impulsado por Donald Trump na madrugada deste sábado 3 de xaneiro.
As organizacións políticas, sindicais, culturais e sociais que integramos o Capítulo Galego da Internacional Antifascista expresamos o noso rexeitamento total á intervención militar desencadeada nas últimas horas en Venezuela e a calquera forma de agresión armada externa contra un pobo soberano. Nas últimas horas producíronse ataques a gran escala e explosións en Caracas e noutras zonas do país, nunha escalada gravísima que pon en risco a poboación civil e a estabilidade rexional.
Condenamos enerxicamente o uso da forza militar como ferramenta política e denunciamos que esta operación vulnera principios básicos do Dereito Internacional e da Carta das Nacións Unidas. Resulta especialmente alarmante que, segundo información difundida por autoridades estadounidenses e recollida por medios internacionais, se afirme a captura e traslado fóra do país do presidente Nicolás Maduro. Tal e como afirma o lexitimo goberno venezolano nestas últimas horas aconteceu unha grave “agresión militar” e violación da soberanía.
Reafirmamos que ningunha narrativa imperialista xustifica unha intervención militar: nin a “seguridade”, nin a “loita contra o suposto narcotráfico”, nin intereses xeopolíticos ou económicos poden estar por riba do dereito dos pobos a decidir o seu futuro sen ameazas, sancións nin imposicións.
Esiximos:
- Cese inmediato das accións militares e retirada de calquera dispositivo de intervención americano en Venezuela.
- Protección efectiva da poboación civil e garantías para a atención humanitaria.
- Que a comunidade internacional e os organismos multilaterais actúen para deter a escalada e abrir vías de diálogo político baixo principios de soberanía e non inxerencia.
Desde Galiza, terra de emigración e solidariedade, reiteramos a nosa irmandade histórica co pobo venezolano e chamamos ás organizacións sociais, sindicais, culturais, feministas, xuvenís, veciñais, de emigrantes e retornadas, así como ao mundo académico e ás forzas vivas do país, a difundir esta convocatoria e mobilizarse contra a intervención militar imperialista dos EEUU dirixida por Donald Trump ante a soberanía venezolana e o goberno lexítimo de Venezuela
Non á guerra. Non á intervención militar. Si á paz e á soberanía dos pobos.
