A Asociación Galego Bolivariana – Hugo Chávez (AGABO) expresa o seu rexeitamento aos ataques vandálicos cometidos pola extrema dereita contra o Consulado da República Bolivariana de Venezuela na cidade de Vigo.
Segundo confirman fontes consulares a AGABO, a sede do Goberno venezolano amenceu este domingo cunha pintada na súa fachada na que se pode ler a palabra “dictador”. Ademais, estas mesmas fontes confirman que o vidro da sede consular foi golpeada e que a fechadura da porta de entrada presentaba danos. Así, estes actos contra o Consulado na Galiza foron cometidos na madrugada do sábado ao domingo 12 de xaneiro. Os feitos coincidiron ademais co atentado con cóctel molotov cometido contra a sede consular de Venezuela en Lisboa na mesma noite.
Esta agresión contra os servizos que prestan atención ao pobo venezolano no noso país son unha mostra máis das accións de odio e violencia dos grupos de extrema dereita liderados por quen nega os resultados electorais do pasado 28 de xullo de 2024. Mensaxes de odio que nos últimos días veñen de recibir amparo e difusión dos numerosos medios de comunicación dos países da OTAN.
AGABO, presente este venres 10 de xaneiro de 2025 en Caracas, na investidura de Nicolás Maduro como lexítimo presidente de Venezuela, comprobou en primeira persoa como a comunidade internacional avala os resultados do pasado 28 de xullo. Constatou ademais que os grupos enervados do fascismo non poderán reverter os avances da Revolución Bolivariana e a súa vontade de vivir en paz e de defender da súa soberanía nacional. AGABO insta o movemento galego de solidariedade con Venezuela a ficar atentas e atentos ante posíbeis agresións nas próximas horas. A asociación lembra a responsabilidade do Goberno español a garantir a seguridade nos edificios consulares, tal e como recollen os Convenios Internacionais de Viena de 1961. Por último, AGABO exixe á Delegación do Goberno español na Galiza a cumprir coa normativa internacional como Estado receptor.
A poucos días da investidura do presidente Nicolás Maduro, que terá lugar o vindeiro 10 de xaneiro de 2025, O Capítulo Galego da Internacional Antifascista condena enerxicamente a constante intromisión das potencias imperialistas e outros países intervencionistas nos asuntos internos de Venezuela. Esta actitude, orquestrada por intereses económicos e xeopolíticos, constitúe unha grave violación do dereito internacional e un atropelo á soberanía dos pobos.
O principio de autodeterminación, consagrado na Carta das Nacións Unidas (artigo 1 parágrafo 2), é un piar fundamental para a convivencia pacífica entre nacións. Porén, gobernos de países do Norte Global, apoiados por poderes fácticos e medios de comunicación ao servizo de elites corporativas, emprenderon unha campaña sistemática de desestabilización contra Venezuela. Esta campaña non só procura deslexitimar os procesos democráticos dese país, senón tamén promover intereses económicos alleos que saquean os recursos naturais dos pobos do Sur Global.
Desde bloqueos económicos, sancións ilegais e ameazas de intervención militar, até o apoio explícito a figuras políticas aliñadas co ultraliberalismo e o neofascismo, as accións das potencias imperialistas xeraron sufrimento e privacións ao pobo venezolano. Estas medidas, disfrazadas de “preocupación polos dereitos humanos”, constitúen en realidade un ataque directo contra un proxecto soberano que busca avanzar cara a un modelo político e social alternativo ao ditado hexemónico.
Condenamos a hipocrisía dos países que xustifican estas accións baixo o pretexto da defensa da democracia, mentres calan fronte a violacións de dereitos humanos cometidas por réximes aliados (Israel, Arabia Saudita, Turquía,…) que serven aos seus intereses económicos. Rexeitamos tamén o papel dos medios de comunicación internacionais que manipulan a opinión pública para xustificar agresións políticas e económicas contra Venezuela.
O Capítulo Galego da Internacional Antifascista fai un chamamento aos pobos do mundo para solidarizarse co pobo venezolano e coa Revolución Bolivariana, a rexeitar a narrativa imperialista e a defender o dereito de todas as nacións a decidir libremente o seu destino, sen interferencias externas. Só mediante a loita conxunta contra o imperialismo e o neofascismo poderase garantir un mundo verdadeiramente libre e xusto.
Finalmente, instamos os países intervencionistas a cesar decontado as súas accións de desestabilización, respectar a vontade democrática do pobo venezolano e permitir que Venezuela exerza a súa soberanía sen condicionamentos. A paz e o respecto mutuo entre as nacións son imposíbeis se os dereitos dos pobos son continuamente asoballados polos intereses duns poucos.
Basta de inxerencia imperialista!
Pola autodeterminación dos pobos e a soberanía popular!
Capítulo Galego da Internacional Antifascista
A formación deste capítulo galego conta co aval e a participación de diversas organizacións políticas e sociais, entre as que destacan AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.
AGABO e as entidades promotoras (AGABO, BNG, CIG, CUT, MAR DE LUMES, MOVEMENTO ARREDISTA, PCG, PCRG, PODEMOS GALIZA e UPG) presentan o capítulo galego ante os medios de comunicación, amosando o seu compromiso de unir forzas na Internacional Antifascista
Compostela, 17 de decembro de 2024.- Ana Mosquera, Presidenta da Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO), acompañada do grupo promotor, presentou hoxe en Compostela o capítulo galego da Internacional Antifascista, unha nova iniciativa que busca frear o avance do fascismo e coordinar accións políticas e sociais a nivel global.
Segundo explicou Mosquera, “entendemos a Internacional Antifascista como unha rede mundial na que converxen organizacións políticas e sociais de todo o mundo con principios incompatibles co fascismo, coa finalidade de parar o seu avance e actuar de forma coordinada.”
O nacemento do capítulo galego prodúcese após a constitución da Internacional no Congreso Antifascista celebrado en Caracas o pasado 11 de setembro. A elección de Galiza non é casual: “Galiza foi pisoteada durante anos polo fascismo. Somos fillas e fillos deses feitos, un sufrimento que non queremos nin para nós nin para os demais pobos do mundo”, sinalou Mosquera.
A promotora salientou o contexto actual marcado pola concentración do poder en mans dunha nova aristocracia financeira e tecnolóxica, así como pola emerxencia de ideoloxías extremistas que utilizan discursos populistas para lexitimar réximes autoritarios e represivos. “No Estado español, vemos como desde Madrid flúe unha ideoloxía de extrema dereita que contamina o discurso político, paraliza calquera intento de cambio e culpabiliza os máis desfavorecidos, ao tempo que defende os intereses económicos dos máis poderosos”, engadiu.
A formación deste capítulo galego conta co aval e a participación de diversas organizacións políticas e sociais, entre as que destacan AGABO, BNG, CIG, CUT, Mar de Lumes, Movemento Arredista, PCG, Partido Comunista pola República Galega, Podemos Galiza e UPG. Ademais, sumáronse tamén Asemblea Republicana de Vigo, Colectivo da Raia, ENGA, Erguer, Esquerda Unida, Fundación Galiza Sempre, Fundación Moncho Reboiras, Galiza Nova, Galiza Global-ENG, Libraría Pedreira, Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista, MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria), Unión da Mocidade Galega (UMG), Vía Galega, así como numerosos intelectuais, sindicalistas e persoas destacadas no ámbito político e cultural, entre elas Teresa Moure, Méndez Ferrín ou Xosé Luís Axeitos.
AGABO pola súa parte asume a coordinación do proxecto en Galiza.
ESTE SÁBADO 14 DE DECEMBRO A ASOCIACIÓN AGABO CELEBROU A SÚA ASEMBLEA XERAL, ONDE RENOVOU A SÚA XUNTA DIRECTIVA E ANALIZOU A SITUACIÓN ACTUAL EN VENEZUELA, E AMOSA O SEU APOIO AOS AVANCES DA REVOLUCIÓN BOLIVARIANA E AO PRESIDENTE ELECTO NICOLAS MADURO MOROS
Neste sábado 14 de decembro de 2024, a Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez (AGABO) celebrou a súa asemblea xeral onde analizou a situación actual en Venezuela e renovou a súa Xunta Directiva. A nova directiva está composta por Ana Mosquera Fernández que é reelixida como Presidenta da entidade; tamén continúan na equipa directiva Nuria Andión e Adrián Bravo. Incorpóranse a nova directiva Martín Coego e Óscar Lomba.
A asemblea de AGABO analiza que a os avances da Revolución Bolivariana teñen avanzado considerablemente nos últimos anos a pesar dos ataques e os intentos de desestabilización por parte do imperialismo americano e na guerra híbrida que sofre o país.
Así mesmo, AGABO valora moi positivamente a relacións cos BRIICS e as medidas económicas realizadas polo Goberno venezolano, que conseguiron que a inflación teña uns parámetros non so razoables, senón case normais. A moeda nacional, o bolívar, vai recuperando a súa presenza nas operacións comerciais. E desapareceu o desabastecemento, pois hoxe mais do 90% dos produtos á venda nos supermercados venezolanos son producidos no país.
Ana Mosquera, presidenta de AGABO, analizou que “hai moito que aprender dun Estado que mudou as regras de xogo de Occidente. É preciso que axudemos a que se entenda que non se debe medir América Latina en xeral -e Venezuela en particular- con parámetros europeos. Comprender a Revolución Bolivariana pode axudarnos a ver a nosa propia realidade desde outro punto de vista: saber que cada pobo ten que escribir o seu presente tendo en conta a súa historia e a súa cultura, entendida esta última como forma de afrontar a vida.”
AGABO participou como observador internacional nas eleccións deste 2024 en Venezuela, “e tivemos ocasión de ver de cerca como se desenvolveron tranquila e pacificamente.”
En verbas de Ana Mosquera, apuntou que: “Pero tamén vivimos agresións violentas ao día seguinte das eleccións. As casas dos chavistas foran marcadas nos días anteriores. Trinta persoas morreron durante eses incidentes provocados polos chamados “comanditos” de Maria Corina Machado e Edmundo González. Dúas mulleres lideres chavistas das súas comunidades, resultaron asasinadas a tiros. Ese mesmo día, en Caracas, varias lideres chavistas do Barrio de Catia foron sitiadas nun ambulatorio que foi incendiado.”
Actualmente está colgada nas redes unha paxina web, “yacasivenezuela”, onde se esta a realizar unha sorte de crownfonding para asasinar a Maduro. O promotor público desta iniciativa, Erick Prince, é o fundador do exercito mercenario estadounidense “Academy” (anteriormente coñecida como Blackwater) .
Estes feitos, xunto co non recoñecemento por EEUU e outros gobernos fascistas de Nicolás Maduro como presidente, ademais da situación internacional, levaron ao Goberno de Venezuela a convocar o primeiro “Congreso Mundial contra o Fascismo, Neofascismo e expresións similares”, no que se aprobou por aclamación, o do 11 de setembro deste ano, a creación dunha Internacional Antifascista.
AGABO participa activamente neste proxecto desde o primeiro momento. Sendo promotores do Capitulo da Galiza (que será presentado á prensa o próximo martes, 17 de decembro, en Compostela na Libraría Couceiro ás 11h) no cal xa se sumaron numerosas entidades e varios centos de persoas.
Na clausura da Asemblea participou Martín Pachecho Morrillo, Cónsul Xeral da República Bolivariana de Venezuela en Vigo onde trasladou un saúdo a todas as persoas socias e trasladou a benvida á nova directiva da Asociación Galego Bolivariana-Hugo Chávez (AGABO). Amosando todo o apoio do equipo consular para as actividades que se realicen proximamente. Así mesmo tamén participou na Asemblea Xeral, Farruco Sesto, exministro de Cultura e Vivenda en diferentes gobernos do Presidente Hugo Chávez Frias.
Maduro ese día tiña unha recepción con nós, novecentos acompañantes internacionais, que levabamos varios días agardando a súa aparición.
Despois de case cinco horas de espera puidemos disfrutar dun extenso discurso que compensou todos os retrasos e cambios de axenda.
Maduro fixo un repaso da resistencia das terras venezolanas, desde o cacique Guaipuro até a actualidade, acompañado dunha lúcida analise. Máis de dúas horas de discurso, que se fixeron curtas.
Maduro gana na proximidade. É intelixente e culto. Un gran comunicador ao que habitualmente lle sacan frases de contexto. Acerta – igual que lle pasou a Chávez – en manter a personalidade e non estandarizarse; iso alonxao do cánon europeo, pero achégao ao seu pobo. Nestes anos, desde a morte de Chávez, os que os coñecen din que o viron medrar intelectualmente. Con naturalidade, aparece cun café Cilia, a súa esposa e compañeira, tomando asento cerca do escenario que Maduro compartía con Delsy Rodríguez e o Canciller Yvan Gil. Ten para ela unhas verbas de recoñecemento; é que Cilia non é un floreiro: foi a avogada dos detidos despois da insurrección de 1992 e tamén foi ministra con Chávez.
Despois de velo en directo, enténdese que traten de caricaturizalo.
Para dar unha idea da xente que move o chavismo, a milicia nacional bolivariana – que nos acompañou a todas partes neses eventos – está composta por mais de cinco millóns de persoas, nun pais de 29 millóns de habitantes. En paralelo tamén se organizan en xefes de rúa, e nas distintas estruturas comunais. Puidemos comprobar a profunda formación política, técnica e humana desta xente, que reinventou un sistema de formación, seguindo vanguardistas teorías pedagoxicas, diferentes das que se utilizan nas escolas ou institutos tradicionais, asi como a Universidade Simon Bolivar. Unha das constantes ameazas da oposición é anular todas estas titulacións, que cubren sobre todo a xente dos barrios, para volver a poñer “a cada quen no seu sitio”. É dificil vencer a tanto pobo organizado e preparado.
Paulo Alonso, socio de AGABO e militante antifascista
O 21, 22 e 23 de novembro de 2024 celebrouse en Caracas, Venezuela, o Congreso Mundial da Xuventude Antifascista. Este Congreso enmárcase no proceso de constitución da Internacional Antifascista que culminará o dia 29 de novembro.
Este congreso reuniu ao redor de setenta nacionalidades representadas por organizacións antifascistas e antiimperialistas de diversa índole. Este congreso significa un avance no camiño da resistencia global contra o auxe dos neofascismos, extrema dereita e expresións similares. Neste senso, Caracas será anfitrioa de valiosas iniciativas como a conformación dun tanque de pensamento co obxectivo de deseñar estratexias para enfrentar este auxe a nivel político e comunicativo. Así mesmo, este encontro serviu para pór en contacto a centos de estudantes, mozos e mozas, tecendo redes de solidariedade internacionalista nesta loita común.
En relación con isto, é de resaltar a confluencia de multitude de movementos sociais, partidos e até gobernos, especialmente da América latina. Movementos que propugnan as causas xustas dos explotados e explotadas do continente. Pobos orixinarios, sindicatos urbanos e rurais, movemento cooperativista, feminista, ecoloxista ou mesmo do ámbito LGBT e militantes polo acceso universal ao ensino nutren este espazo coas súas respectivas loitas sectoriais e nacionais deixando claro en que lado da Historia nos atopamos. Poderíamos atrevernos a recomendar ao lector informarse sobre quen se atopa no lado oposto dos citados movementos se precisa algunha clarificación ao respecto das posicións de cadaquén. Xa adiantamos que da outra beira se encontran os bolsonaros, os uribes, os mileis, os netanyahus, os golpistas que asasinaron militantes na Bolivia e tentaron asasinar ao presidente Evo en reiteradas ocasións ou os herdeiros do pinochetismo entre outro. Neste sentido, resulta cru coñecer de primeira man as vivencias de compañeiras de toda latinoamérica con familiares e compañeiros secuestrados e até asasinados por forzas policiais ou para policiais de Estados, que por estaren aliñados co Imperio, ningún goberno nin medio cuestiona a súa lexitimidade democrática.
A Venezuela bolivariana enfrenta desde hai anos unha ofensiva da ultradereita internacional, máis recentemente avivada polo trumpismo. Este é un dos motivos polos cales o movemento revolucionario bolivariano ten tomado a vangarda internacional desta loita. Como foi manifestado no Congreso, os bolivarianos este impulso do neofascismo e as expresións similares responde en grande medida á necesidade do imperialismo de trabar os movementos emancipatorios do Sur global así como socavar os cimentos do países en loita pola súa soberanía, como é o caso de da Venezuela bolivariana.
Esta Venezuela, vilipendiada nos medios occidentais nun constante espallar de desinformación, vive agora un momento de estabilidade e paz. Esta realidade constátase no camiñar polas rúas, nas tendas de barrio, surtidores de combustible ou nos bares caraqueños, e desminte de raíz os relatos apocalípticos espallados pola prensa do capital norteamericano.
Os mozos e mozas participantes neste encontro puidemos coñecer de primeira man as experiencias da xestión comunal da economía e os barrios, nos que se sentiu unha cálida acollida internacionalista. Neste caso, a comitiva foi acollida pola unidade de prudución comunal téxtil, na cal se confeccionaban uniformes escolares para varios miles de crianzas e adolescentes do barrio do “23 de enero”. Estas unidades produtivas están organizadas nun réxime asemblear de traballadores e teñen unha orientación social, proveendo ás súas comunidades de bens a prezos xustos ou mesmamente gratuítos. Esta produción está organizada polos traballadores e traballadoras, que estipulan as condicións de desenvolvemento dos proxectos e a xestión da financiación gubernamental destes en asemblea. De igual forma, búscase dar unha función social non só do capital senón tamén do traballo. Para isto, as funcións dentro do taller son variables. Na práctica isto significa que o traballador e traballadora, en lugar de vivir permanentemente desenvolvendo unha función concreta do proceso produtivo, aprende o labor propio de todas as fases, adquirindo coñecementos progresivamente. De igual forma, a unidade de produción busca introducir nos oficios a xuventude e estudantes, que poden comezar nas funcións máis sinxelas para ir progresando no organigrama produtivo. Actualmente o bolivarianismo márcase como obxectivo a multiplicación das xa miles de comunas, dándolle unha prioridade central nos orzamentos do Estado. Este modelo sintetiza dous eixos fundamentais do proceso revolucionario: a tranformación social orientada ao socialismo e a soberanía produtiva. Esta última é especialmente importante para un país asediado polo imperio en todas as frentes, trátase pois da II Independencia: a económica.
No transcurso da semana decorreu unha longa marcha organizada polo movemento estudantil, na que ficou patente o desenvolvemento organizativo deste mas coordenadas chavistas. Cabe sinalar que antes da chegada do Comandante Chávez na Venezuela apenas existían nove universidades e predominaba o ensino privado. Pola contra, hoxe en día o país conta con noventa universidades, de titularidade pública e nas que o acceso vén ditaminado polo desempeño no ensino preuniversitario e non por unha proba de acceso segregatoria. Deste xeito, a Revolución Bolivariana deu acceso ao ensino, e especialmente o superior, a millóns de persoas por primeira na historia venezolana. Como vimos, o pobo venezolano non o esquece e loita por defender e expandir as súas conquistas.
De forma chamativa para nós, desde esta beira do Atlántico, estas mobilizacións están empapadas de alegría, entusiasmo e espontaneidade. Con máis razón se esta mobilización é da xuventude e dos estudantes, que amosaron un enorme respecto e interese por coñecer os nosos pobos, as súas loitas e amosarnos a súa gratitude, a cal é recíproca. Esta calidez é claramente definitoria do pobo venezolano e puidémola sentir en cada recuncho caraqueño, onde as venezolanas e venezolanos mostraron o seu afecto e interese por Galiza, así como a súa disposición e hospitalidade para mostrarnos o mellor da súa Patria e facernos partícipes del. Desde o noso amigo caraqueño que me guiou polo precioso parque nacional de Warairarepano, cos seus 2100 metros de altura superados por un impresionante teleférico, coas súas máis que privilexiadas vistas dos vales de Caracas, ao que nos afirmou desde a súa propia vivencia diaria ao respecto do enorme progreso en materia de seguridade, firmemente convencido de que Caracas é unha cidade tranquila e cálida para o estranxeiro. É sabido que, polo menos por agora, non existe o paraíso na Terra. Porén, Venezuela dista enormemente de ser o inferno que burdamente debuxa a propaganda occidental. Isto non o digo eu, transmítirono venezolanos de todo tipo e opinión e ás súas verbas nos remitimos. De por medio temos un oceáno de distancia que aos galegos uniunos máis do que nos deparou coa Venezuela, o que non implica que as dinámicas políticas latinoamericanas sexan incomprendidas desde a mentalidade europea. Non obstante, cómpre lembrar aos galegos e aos soberanistas do mundo aquilo que Castelao nos ensinou, e é que cada pobo diferente ten o seu ideal revolucionario, e que, polo tanto, necesita facer a súa revolución.
Atendendo ao chamado do Congreso Mundial contra o Fascismo, Neofascismo e Expresións Similares, reunido en Venezuela o pasado setembro, e subscribindo a Declaración alí aprobada, decidimos impulsar unitariamente a constitución do Capítulo Galego.
Facémolo como contribución á loita contra ese flaxelo historicamente asociado ao capitalismo, que hoxe, no universo neoliberal, e ao servizo dos grandes poderes constituídos, adquire formas extremas de odio, racismo, desprezo ao diferente e culto á violencia como armas de perversión política e deformación democrática, que multiplicadas e reformuladas polo uso manipulador das redes e os medios actuais, atentan contra o dereito á igualdade, á paz, á xustiza social, á felicidade, e ao dereito a vivir ben dos pobos do mundo.
Facémolo, ademais, apoiándonos nun lema que nos une e expresa, GALIZA TERRA ANTIFASCISTA, como un sentimento de profundas raíces, que vén da experiencia histórica do noso pobo, enfrontado mil veces á inxustiza, mil veces vítima da inxuria e o rudo encono, e mil veces renacido para continuar na procura dunha patria común e soberana para todas e todos para sempre.
Entendemos este Capítulo Galego da Internacional Antifascista como un espazo político de encontro, non competitivo senón complementario, solidario, xeneroso, fraternal, aberto a todos os movementos sociais, organizacións e partidos políticos, sindicatos, asociacións veciñais, institucións culturais, deportivas, xuvenís, científicas, gremiais, artistas e escritores, traballadores e traballadoras, xente do común, sen outra condición que a vontade de participar nun esforzo colectivo contra o fascismo, ou os fascismos de distinta forma e expresión, que atenten contra a nosa capacidade de convivencia.
Así damos este primeiro paso, esencial, de constituírnos e nomearnos, sabendo que será só con base ao compromiso e o esforzo persistente, que atoparemos a mellor forma de organizarnos, elaborada e sedimentada a través da praxe.
O mundo actual enfróntase ao renacemento de ideoloxías fascistas que, tras décadas de aparente hibernación, e xorden baixo novas formas, alimentadas pola precariedade económica, o auxe do autoritarismo e o control tecnolóxico global. Hoxe, o fascismo xa non se presenta só coa faciana militar ou chovinista dos séculos pasados, senón como un fenómeno que se infiltra a través das redes sociais, a manipulación mediática, o control dos fluxos de información e a explotación das ferramentas dixitais por parte de elites económicas e tecnolóxicas. Neste contexto, o neofascismo dixital articúlase co obxectivo de manter e expandir o poder dunha aristocracia financeira e tecnolóxica global, perpetuando as desigualdades, a violencia e a opresión.
O medo que hoxe percorre o mundo non é un medo natural, senón un pánico construído meticulosamente. Os medios de comunicación, controlados polos segmentos dominantes, poderes fácticos e resto das elites hexemónicas, traballan incansablemente para crear unha narrativa onde o inmigrante, o pobre, o diferente, convértense en ameazas. Moldearon a percepción pública para que o inimigo non sexa o banqueiro, o executivo dun fondo voitre ou dunha multinacional que evade impostos, senón o refuxiado que foxe da guerra e a miseria. Nesta narrativa, o medo convértese en odio, e o odio en votos para aqueles que prometen restaurar unha fantasía de pureza e orde.
A Declaración de Caracas salienta a necesidade urxente dunha nova Internacional Antifascista, capaz de articular a resistencia a estas novas formas de autoritarismo e dominación, conectando as loitas locais con unha rede global de solidariedade. O Capítulo Galego da Internacional Antifascista fundaméntase neste chamamento internacional, situando o foco nas especificidades de Galiza: a precariedade económica, a destrución do tecido industrial, os recortes dos dereitos laborais, a ameaza ás liberdades civís e o retroceso dos dereitos sociais. Pero conectado cun proxecto global que procura rematar coas inxustizas económicas, políticas e sociais que alimentan o fascismo en todas as súas formas.
Principios
O Capítulo Galiza da Internacional Antifascista comprométese cos dereitos fundametais das persoas e dos pobos, entendendo por dereitos fundamentais todos aqueles imprescidibles para que os seres humanos alcancen a súa plenitude e desenvolmento independentemente da súa orixe, identidade de xénero, etnia, orientación sexual, segmento social, ou relixión.
Subscribimos de forma expresa os principios da Declaración de Caracas de 11 de setembro de 2024, documento fundacional da Internacional Antifascista incluída ao final deste texto.
Cremos nun sistema político xusto que antepoña a vida e a dignidade das persoas por enriba do lucro.
Reclamamos o dereito de autodeterminacion dos pobos, o respecto a soberania sobre os seus territorios e o dereito a protexer o medio ambiente.
Rexeitamos calquera forma de violencia fascista, sexa esta física, política, mediática ou dixital.
Consideramos o fascismo como unha manifestación autoritaria e violenta do poder que serve como ferramenta de dominación das elites financeiras e políticas.
O fascismo moderno utiliza a violencia patriarcal como unha ferramenta central de control social. O aumento das violencias contra as mulleres, persoas LGTBIQ+ e outras minorías reflicte unha necesidade do fascismo por reafirmar as súas estruturas de dominación.
O fascismo está tamén vinculado á destrución do planeta, ao permitir a alianza entre corporacións multinacionais e gobernos autoritarios que devastan o medio ambiente. Avogamos por un ecoloxismo que defenda a vida do planeta fronte ao extractivismo e á depredación dos recursos naturais.
GALIZA
Na nosa terra sufrimos a violencia fascista, retratada nas estampas de Castelao. Costou a morte de persoas, e pode custar a morte da nosa milenaria lingua que nunca se deu reposto dos ataques sufridos nos anos do franquismo e o posterior centralismo.
Galiza enfróntase a unha situación de desindustrialización e desertización económica, resultado directo das políticas neoliberais.
O fascismo dixital maniféstase hoxe a través das campañas de odio e desinformación, especialmente nas redes sociais, onde se sementa o medo e a desconfianza. Estas campañas buscan dividir a sociedade, promover o racismo e a xenofobia, e debilitar a solidariedade.
A defensa do dereito de Autodeterminacion da Galiza está en consonancia coa loita contra un fascismo que nega o dereito dos pobos a decidir sobre o seu futuro. Defendemos unha Galiza soberana con dereitos plenos para nosa lingua e cultura.
A loita do Capítulo Galego identificase coas loitas dos pobos oprimidos de todo o mundo.
FRONTES DE ACTUACION
Mobilización Social Organizar e coordinar mobilizacións vencelladas ás loitas sectoriais e locais e internacional entre colectivos sociais e cidadáns de forma que permita xerar unha rede de apoio mutuo e de resistencia fronte ao fascismo nos distintos ámbitos.
Formación e Concienciación: A educación é unha ferramenta fundamental para desarmar os discursos fascistas.
Redes sociais: Coordinar unha rede de activismo dixital que combata as campañas de desinformación e odio nas redes sociais.
Rede de Apoio Mutuo: apoio para aqueles colectivos e individuos que sufran represión ou violencia fascista.
ANEXO
CONCLUSIÓNS DO I CONGRESO INTERNACIONAL ANTIFASCISTA (IA)
Declaración de Caracas de 11 de Setembro de 2024
FASCISMO NO SÉCULO XX
O fascismo no século XX xurdiu como resposta a unha serie de crises económicas, sociais e políticas que sacudiron a Europa tras a Primeira Guerra Mundial. Neste contexto de desesperación e desilusión coas democracias liberais, movementos autoritarios como o fascismo italiano e o nazismo alemán atoparon terreo fértil para emerxer. Ambos os movementos compartiron un odio visceral cara ao comunismo e o socialismo, e utilizaron o medo ao “inimigo interno” para consolidar o seu poder.
Os movementos fascistas do século XX compartiron características comúns: nacionalismo exacerbado, autoritarismo, anticomunismo, antiliberalismo, militarismo, violencia, propaganda e control de medios, supremacismo racial e anti-intelectualismo. Estes elementos permitiron a consolidación dun poder absoluto, utilizando a censura, a propaganda e a represión como ferramentas clave.
NEOFASCISMO DIXITAL DO SÉCULO XXI
Estamos a ser testemuñas dunha transformación profunda na estrutura do capitalismo global, unha fase que se pode denominar como capitalismo dixital.
Unha nova fase capitalista neofascista marcada pola crecente concentración de poder en mans dunha nova aristocracia financeira e tecnolóxica que controla vastos recursos económicos e domina as tecnoloxías da información e comunicación.
En 2022, os 10 homes mais ricos do mundo posúen máis riqueza que os 3100 millóns de persoas mais pobres. O 10% máis rico da poboación mundial recibe o 52% do ingreso global, mentres que a metade máis pobre só o 8,5%. A metade máis pobre da poboación mundial posúe o 2% do total da riqueza mentres o 10% máis rico posúe o 76%.
Segundo Forbes en 2024 hai 141 multimillonarios máis que en 2023 e 26 máis que o récord establecido en 2021. Ademais, os multimillonarios son máis ricos que nunca, cun valor agregado de 14,2 billóns de dólares
ASCENSO DO NEOFASCISMO DIXITAL
Este contexto de desenvolvemento dunha nova fase capitalista, deu lugar á emerxencia de Ideoloxías extremistas ligadas aos intereses desta nova aristocracia financeira e tecnolóxica, representada por figuras como ElonMusk, MarkZuckerberg e JeffBezos que operan xunto a tanques de pensamento, organismos multilaterais, Ong, corporacións militares (Academi, ErickPrince), paramilitares e cárteles de narcotráfico, ligadas a redes de partidos políticos de dereita e ultradereita.
ARISTOCRACIA FINANCEIRA E TECNOLÓXICA
Segundo a clasificación de Forbes:
BernardArnault: dono de LVMH, con 75 marcas da industria da moda e cosmética (Louis Vuitton, Sephora, outros). Patrimonio de 233.000 millóns de dólares.
ElonMusk: cofundou seis empresas, incluída a automotriz Tesla e a aeroespacial SpaceX, e comprou a rede social Twitter (rebautizada como X) en outubro de 2022. Patrimonio de 195.000 millóns de dólares.
JeffBezos: fundador do xigante do e-commerce Amazon, dono deThe Washington Post e de BlueOrigin, empresa aeroespacial que desenvolve foguetes. Patrimonio de 194.000 millóns de dólares.
MarkZuckerberg, dono de Meta (onde fusionou as plataformas de Facebook, Instagram e WhatsApp, entre outras). Patrimonio de 177.000 millóns de dólares.
LarryEllison, presidente, director de tecnoloxía e cofundador do xigante do software Oracle. Patrimonio de 141.000 millóns de dólares
NOVA FASE E NEOFASCISMO
Este neofascismo diferénciase das súas etapas anteriores pola centralidade que adquire o control das tecnoloxías avanzadas, as cales están a remodelar as relacións sociais, políticas e económicas.
Tecnoloxías como o internet das cousas, a intelixencia artificial, as redes 5G e 6G, o metaverso, a nanotecnoloxía e a robótica converteron as plataformas dixitais en “novas fábricas” , onde o capital explota o tempo de lecer e descanso, converténdoo en tempo de produción.
Esta revolución tecnolóxica ha colonizado todos os aspectos da nosa vida, transformando radicalmente a forma en que traballamos, relacionámonos e participamos politicamente.
AS IDEOLOXÍAS EXTREMISTAS
Ascenso de figuras neofascistas en todo o mundo, articuladas no autodenominado Movemento Mundial da Alt-Right e na autodefinida ideoloxía neorreaccionaria (NRX). Acá tributan personaxes tales como a Benjamin Netanyahu (Israel), Donald Trump (EE.UU.), Giorgia Meloni (Italia), Santiago Abascal (España), Javier Milei (Arxentina), María Corina Machado (Venezuela), NayibBukele (O Salvador), JairBolsonaro (Brasil), VolodimirZelensky (Ucraína), Marine Lle Pen (Francia).
Estes líderes utilizan discursos populistas para lexitimar réximes que promoven a represión dos movementos sociais, a xenofobia, o racismo, a violencia política e a violación dos dereitos humanos, apelando ao medo, ao terror e á inseguridade como xustificación de plans golpistas antidemocráticos e políticas represivas, mentres aumentan a brecha da desigualdade económica e garanten o saqueo de recursos.
INTOLERANCIA E DISCURSOS DE ODIO
O neofascismo, como nova fase do fascismo, perpetúa e profunda as múltiples violencias contra mulleres e diversidades, exacerbando as desigualdades estruturais xeradas polo capitalismo, o racismo e o patriarcado. Este sistema de opresión reflíctese na desaparición forzada de líderesas políticas e militantes feministas, así como nos altos índices de feminicidios, estratexias que buscan disciplinar e silenciar a quen loita pola xustiza social. A feminización da dereita e o uso de figuras femininas polos fascismos e neofascismos son tácticas deseñadas para manipular e lexitimar políticas reaccionarias.
Fronte a este contexto, é crucial articular globalmente un programa popular,revolucionario, antipatriarcal, anticapitalista, antirracista, anticolonialista, antisionista e antifascista. Só así é posible rexeitar as políticas que promoven a exclusión, o racismo e a xenofobia como ferramentas de dominación.
REDES SOCIAIS E GUERRA COGNITIVA:
Vivimos un tempo onde as tecnoloxías dixitais xogan un rol central.As redes sociais e as plataformas mediáticas son o ámbito central da manipulación de percepcións e a alienación social.
A chamada “cuarta revolución industrial” promove a apropiación e utilización dos desenvolvementos científicos e tecnolóxicos para a fragmentación de sociedades e a guerra cognitiva, a través de algoritmos que buscan perpetuar a dominación dunha elite mundial con epicentro en “Occidente”.
A vida en liña, marcada pola disociación emocional, facilita a desvinculación dos efectos das propias accións, servindo a miúdo de ponte cara á violencia na realidade.
Os thinktanks e centros de investigación, organizados en redes globais, utilizan os dispositivos dixitais para levar a cabo campañas de influencia, con mensaxes segmentados que afectan a subxectividade individual e colectiva.
Necesidade de visibilizar e abordar o agravamento de problemas de saúde mental. Incidencia de trastornos de ansiedade e depresivos, adiccións, apatía e suicidio nova.
Importancia da construción e articulación de ferramentas para que as e os mozos poidan confrontar a manipulación das plataformas dixitais, propiciando a reflexión crítica e a loita colectiva.
MOCIDADE E GUERRA COGNITIVA
O neofascismo dixital busca despolitizar ás novas xeracións a través do uso de pantallas promovendo o individualismo e a hiperfragmentación social, o consumismo irracional, a meritocracia e negando a historicidade.
Utilízanse as novas tecnoloxías para a propaganda e a desinformación masiva, e para a construción dun inimigo interno que se volve un “nós contra eles”, explotando o medo e a deshumanización do semellante
Tenta desvinculalos das súas identidades culturais e patrióticas, dos valores comunitarios e o coidado da vida. O obxectivo é fragmentar o tecido social e afastar as mocidades das loitas colectivas, debilitando a súa capacidade de resposta ante as inxustizas do sistema.
NEOCOLONIALISMO 2.0
O modelo de morte que profunda o capitalismo nesta nova fase, reflíctese con crueza no xenocidio sionista e fascista contra Gaza. Isto a escalado o conflito no medio Oriente, cun “eixo da resistencia” que de maneira protagónica loita en solidariedade co Pobo de Palestina.
Día tras día, o pobo palestino resiste, sostido por lazos de solidariedade internacional fronte ao réxime fascista que busca esmagar a súa dignidade e borrar a súa existencia, encarnado na figura do primeiro ministro sionista BenjaminNetanyahu. É crucial entender e visibilizar as conexións entre o sionismo e o fascismo, identificando as súas novas expresións, como parte do recoñecemento do inimigo común dos pobos do mundo.
A intervención imperialista da OTAN en Ucraína, co apoio das potencias occidentais, converteu ao país nun campo de batalla xeopolítico. Neste escenario, VolodímirZelenski emerxeu como un peón do imperialismo.
En África o neocolonialismo europeo está a vivir un tempo de duras derrotas. Os Pobos do mundo ven con entusiasmo o xurdimento da Confederación de Estados do Sahel, entre Malí, Níxer e Burkina Faso.
En América Latina e o Caribe, os ataques dirixidos contra a República Bolivariana de Venezuela, xunto cos recentes intentos golpistas nas irmás repúblicas de Honduras, Colombia e Bolivia, evidencian unha ofensiva neofascista e neocolonial na rexión.
A guerra económica inflixe violencia en varios países, especialmente en Cuba e Venezuela. En Arxentina, o abrupto ascenso de Javier Milei á presidencia é un fenómeno neorreaccionario dentro da nova estrutura económica e política mundial.
Os exércitos irregulares, vinculados ao narcotráfico, son un verdadeiro drama nalgunhas rexións de México, de Colombia, de Ecuador, e no denominado “triángulo norte” de Centroamérica -Guatemala, Honduras e O Salvador-. Con todo, toda a rexión sofre o aumento da violencia do narcotráfico.
A INTERNACIONAL ANTIFASCISTA
Necesidade de crear unha Internacional Antifascista para coordinar os esforzos dos movementos sociais e políticos en defensa da democracia popular e protagónica, a xustiza social e os dereitos humanos a nivel global.
Esta fronte de loita colectiva non só debe enfrontarse ao neofascismo nos ámbitos político, rueiro e ideolóxico, senón que tamén debe utilizar o espazo dixital e as ferramentas tecnolóxicas para contrarrestar a manipulación informativa e a guerra multidimensional e cognitiva en curso.
A Internacional Antifascista como espazo de articulación das loitas anticapitalistas, antiimperialistas, anticolonialistas, antipatriarcales e antirracistas.
Consolidar unha ofensiva coordinada que promova os valores de xustiza social, paz, soberanía e autodeterminación dos pobos.
SOLIDARIEDADE GLOBAL E LOITAS TERRITORIAIS
A proposta de construír unha Internacional Antifascista inclúe a creación de axendas sectoriais, capítulos rexionais e nacionais, así como múltiples redes de solidariedade global para enfrontar o rexurdimento do fascismo.
Iso implica unha articulación internacional de estratexias de loita, incluíndo a todas as organizacións políticas, sociais, culturais, feministas, sindicais, ao longo e ancho do planeta.
É central o entendemento deste capitalismo dixital e as súas novas formas de explotación do traballo e o coñecemento humano. O tempo de lecer común é agora un novo campo de extracción de plusvalía.
Capítulos por rexión e país: construír axendas concretas nos cinco continentes para enfrontar a ameaza do fascismo.
Subscriben en Compostela: AGABO, BNG, CIG, CUT, MAR DE LUMES, MOVEMENTO ARREDISTA, PCG, PCRG, PODEMOS GALIZA, UPG.
Actualizado a 2/21/24
Asemblea Republicana de Vigo
Asociación Galego Bolivariana Hugo Chávez
COLETIVO DA RAIA
Confederación Intersindical Galega (CIG)
CUT
ENGA
Erguer.Estudantes da Galiza
ESQUERDA UNIDA
Esquerda Unida do Porriño
Fundación Galiza Sempre
Fundación Moncho Reboiras
Galiza Nova
GALIZA🌀 GLOBAL-ENG
Libraria Pedreira
Mar de Lumes – Comité Galego de Solidariedade Internacionalista
MER(LIM) – Movemento Ecoloxista da Raia (Linha Imaxinaria)
En El País do pasado venres, 5 de xullo, publícase unha nova, Nicolás Maduro y Edmundo González inician la campaña presidencial con puestas en escena opuestas. Neste artigo, ilustrado con varias fotos da caravana do candidato opositor Edmundo González Urrutia, secundado por María Corina Machado, continúan os mantras repetidos pola prensa occidental, coma o das enquisas favorables a González e os anhelos de liberdade por parte da oposición. Deste xeito pretenden que vaia calando na opinión pública para xustificar a demanda dunha inexistente fraude electoral. Isto chégase a afirmar directamente nunha peza na que se afirma que o chavismo, de aceptar os resultados do 28 de xullo, terá que abandonar un poder que co tempo deveu en absoluto: a chamada revolución bolivariana. Tanto no citado no inicio coma noutros artigos establécense varios contrastes que resultan xa case risibles para uns ollos lectores avisados, como a participación espontánea dos mozos antichavistas, fronte a unha suposta censura aos rapaces ocupantes dun autobús que participa na campaña do presidente Maduro, ou o acoso da policía aos candidatos opositores. Chégase a criticar a conxestión do centro pola campaña de Nicolás Maduro, mentres que a “espesa caravana de motos, camiones y gente a pie” que seguía a González e Machado non pareceu producir atasco ningún. O día 1 deste mes, publica outro artigo no que se compara o fenómeno electoral de María Corina Machado co apoio popular do comandante Hugo Chávez en 1998. Neste artigo, resáltase o traspaso do seu capital político a González Urrutia, ao tempo que centra as súas posicións dereitistas e apela ao cambio e á ilusión. A ilusión polo cambio, que queda nun simple eslogan, é resaltada por Jesús Seguías, director da consultaría Dataincorp, que leva a cabo tamén unha campaña en redes contra o goberno de Maduro e a favor de Edmundo González. Non parece que as enquisas realizadas por esta empresa vaian ser imparciais, precisamente. En canto a Machado, nin unha palabra das razóns polas que foi inhabilitada durante 15 anos, nunha sentenza que establece, entre varios delitos, que participou na trama de corrupción orquestrada por Juan Guaidó, que pediu a aplicación de sancións e bloqueo económico de Venezuela e propiciou o secuestro de 4.000 millóns de dólares, retidos no sistema bancario internacional. Estas medidas poñen paos na roda da economía do país e impiden a adquisición de bens esenciais para a poboación. A manipulación deste xornal, por acción ou omisión, é moeda común na prensa maioritaria española.
A menos dun mes para que se celebren as eleccións presidenciais en Venezuela a prensa española do deep state, ao servizo da oligarquía, fálanos dunhas supostas enquisas que dan como favorito ao candidato opositor Edmundo González Urrutia.
Varios enqueritos que se citan sinaláronse como falsos ou pouco solventes por AFP FACTUAL (FRANCE PRESS). Outros foron realizados por unha asesorías políticas desde Miami e por telefono, como os que proveñen da Consultora ORC.
Esta consultora dedicase ao asesoramento político. O seu director é Oswaldo Ramírez, tamén consultor Consultor Senior Asociado en Vengoechea & Partners, consultaría que presume de ter a Leopoldo López e outros políticos latinoamericanos (todos eles con boa relación cos EEUU) entre os seus clientes.
Segundo a web orcconsultores.com Ramírez é tamén fundador de Frequency58, outra das fontes de enquisas que manexan os medios de comunicación e ademais é presidente da rama latinoamericana da para Venezuela da Asociación Internacional de consultores políticos IAPC. Esta Asociación, que ten a entrada de wikipedia borrada por falta de credibilidade, entregou unha medalla ao mérito democrático a Zelensky en 2022 e ao opositor ruso Alexei Navalny en 2021.
Todo despide un aroma á xa coñecida estratexia de acusacións de fraude electoral se finalmente Maduro resulta reelixido. É ben sabido que a dereita española, tanto política como mediática, só recoñece os resultados electorais cando lles son favorables.
O establishment español tenlle ganas ao chavismo, levan 25 anos esperando sen éxito a súa caída. Desde o vergoñoso apoio do goberno de Jose Mª Aznar ao golpe de estado de 2002, pasando polo branqueamento da operación Güaidó de 2018 polo presidente Pedro Sánchez ou outros políticos supostamente de esquerdas como a por entón alcaldesa de Madrid, Manuela Carmena. Non é nada novo por tanto esta nova ofensiva “de réxime” para deslexitimar unha nova vitoria de Nicolás Maduro e do chavismo político.
As forzas verdadeiramente de esquerdas do Estado español deberán permanecer alerta ante esta operación do deep state para seguir demonizando a Maduro e a todo o que representa o chavismo na nosa nación irmá de Venezuela. Desde AGABO denunciaremos este e calquera outro intento de manipulación informativa que, de maneira tendenciosa, trate de manipular á opinión pública en contra do goberno lexítimo de Venezuela.
O Club Faro de Vigo, financiado polo Concello de Vigo e a Deputación de Pontevedra, trae de visita ao dirixente de extrema dereita venezolano Leopoldo López.
Preséntano coma un heroe e dolosamente ocultan os mortos e feridos que se produciron nos enfrontamentos moi violentos (coñecidos en Venezuela como guarimbas) promovidos por este personaxe e executados polos seus partidarios. Foi unha onda de violencia que só nuns meses deixou 43 venezolanos mortos e máis de 800 feridos, resultado da frustración da dereita ao ter sido derrotada polo chavismo pola vía electoral.
Os seus seguidores sinalaban perigosamente nas redes sociais a persoas acusadas de ser chavistas con fotos e datos persoais, converténdoos en dianas. No punto álxido da súa violencia, queimaron vivo a un repartidor negro que estaba de paso por ser sospeitoso de chavista.
López Mendoza foi condenado, polos delitos de instigación pública, danos á propiedade, incendio e asociación para delinquir, a 13 anos de prisión. Finalmente cumpriu menos de tres, acabando por fuxir ao arresto domiciliario e sendo acollido no Estado Español, polo que é un prófugo da xustiza venezolana.
De quen ven sendo Leopoldo López Mendoza?
O seu pai na actualidade é eurodeputado, ao que o PP concedeu a “nacionalidade express” para que defendese ao seu fillo no Parlamento Europeo.
A nai descende dunha das familias, máis ricas de Caracas que forman parte dunha elite coñecida como “Los amos del Valle”. Durante o século XX, os Mendoza amasaron unha inmensa fortuna da man dos gobernos corruptos de Venezuela. Forman parte dunha clase social de comisionistas, que parasitou durante case un século o estado venezolano acumulando riquezas persoais e condenando a boa parte da poboación á fame, á miseria e ao analfabetismo. Non é de estrañar que estas familias non acepten o chavismo, afeitos como están a conseguir dos sucesivos gobernos o mellor para os seus petos.
O único compromiso de Leopoldo López é con esa forma de vida, chea de privilexios. De feito, na actualidade está a residir no barrio de Salamanca en Madrid, nunha vivenda que ten un prezo de alugueiro de 10.000€ mensuais. A estas xentes sempre lles sobraron as clases humildes que mantiñan lonxe das súas urbanizacións.
Rexeitamos a promoción propagandística e falseada do ultradereitista Leopoldo López. Reivindicamos as vítimas dos seus actos. Estamos coas persoas que nestes últimos 23 anos, en Venezuela, accederon á escola, á vivenda e á sanidade, con aqueles que puideron dignificar a súa vida.
Subscriben o texto as seguintes organizacións galegas:
Agrupación Xosé Velo Asemblea Republicana de Vigo Asociación Galego Cubana Francisco Villamil Confederación Intersindical Galega Confederación Unitaria de Traballadoras Esquerda Unida Frente Popular Galega Mar de Lumes Movemento Arredista Partido Comunista de Galicia Partido Comunista do Povo Galego Partido Comunista pola Republica Galega Podemos Galicia