Ana Mosquera
Hai unha esquerda galega e tamén europea que se caracterizou sempre por ter a pel moi fina coas decisións tomadas por compañeiros con responsabilidades de Goberno en asuntos críticos, que sempre está disposta a saltar para desmarcarse e estar lonxe de calquera partícula de po.
Cando en Vigo houbo un alcalde do BNG os disparos do bando amigo fixeron tanto ou máis dano que os contrarios. Outro tanto ocorreu co bipartito da Xunta. Non era que todas as críticas fosen desatinadas. O problema creouse por facelas de forma ostentosamente pública, por quen debía ser compañeiro de viaxe. Ademais as máis feroces centráronse en feitos concretos que hoxe chamariamos “instagrameables”. Unha procesión, un coche ou un traxe tiveron máis peso para estes opinadores que as liñas políticas do Goberno Galego. Eses ataques internos deron munición ao outro bando e desarmaron moralmente aos nosos compañeiros.
Agora estamos empezando a ver de novo esa “pel sensible” cando se fala de Venezuela. Diosdado Cabello dixo moitas veces: “dubidar é traizón”. Iso é unha frase feita. Só propaganda. Dubidar é xustamente o que nos levou desde ese lado do Atlántico a apoiar os gobernos bolivarianos, primeiro de Chávez e despois de Maduro. Dubidar, cuestionar o que vemos e oímos é imprescindible.
O que ocorre é que cando as dúbidas forman parte da guerra, expoñelas públicamente sen información suficiente dá armas a un bando, que case nunca é o noso.
Resulta doado cuestionar a reacción de Venezuela desde o 3 de xaneiro. De feito o máis doado é apartarse de Venezuela coa superioridade moral de quen só se compromete con causas inmaculadas. Este tipo de militancia tende a antepoñer a satisfacción da súa conciencia persoal, pero cando se xoga en equipo non se pode pedir ao árbitro que nos pite un penalti en contra.
De Venezuela fáltanos a maior parte da información do que ocorreu e ocorre internamente. Ademais esa información non a imos a ter de inmediato porque se está librando unha guerra, e nas guerras non se fan públicas as estratexias. Por iso en conciencia non debemos anticiparnos a opinar ferindo de morte aos nosos e armando ao inimigo. Isto non quere dicir que non tomemos nota e que non esteamos atentos. Pero sen esquecer que acusar publicamente aos propios sen información suficiente non é un mérito revolucionario.
A realidade en Venezuela e no mundo neste momento é moi dolorosa. Pero máis eficaz que derrotarse lamentando os atrancos resulta visualizar con calma o destino.
Hai anos eu facía excursións polas montañas. Moitas veces había que avanzar monte a través, sen camiño. Podía quedar atrapada nas silvas e nos toxos, ou ter unha torcedura. Todas esas cousas pasáronme. Nese momento tocaba lamber as feridas, levantar a cabeza e ver o obxectivo para saír da silveira. Ás veces o obxectivo estaba só a 10 escasos metros e aínda así non quedaba mais remedio que retroceder e desandar o camiño para poder alcanzalo. É unha obviedade, pero as veces, as veces as silvas impídennos ver o camiño que diría Mao se vivise na Galiza despoboada ao leste da AP9.
Hoxe, os que hai seis meses eran os nosos compañeiros en Venezuela están nunha silveira pechada pero iso non os converte en traidores, nin en vendidos. Convérteos en persoas feridas e seguramente exhaustas. Ata que non saian desta trampa e actúen cos pés liberados das silveiras non podemos acusalos por retroceder.
Os EEUU están preto da súa caída. Isto vai causar dor ao mundo, pero non debemos esquecer que o claro do bosque está máis cerca. Trump non é o imperialismo. É só unha peza do sistema. Pero esa peza constitúe unha evidencia da descomposición do imperio. Trump seguramente será descrito polos historiadores como un Calígula ou un Nerón, como a proba de que o imperio non sabía cara onde dirixirse.
Venezuela está hoxe examinando a forma de saír da súa silveira particular e as veces hai que ir cara atrás para atopar un camiño. Sexamos cautos e evitemos ser parte da profecía autocumprida. Non disparemos contra os nosos.



























