ALTO A AGRESION IANQUI CONTRA VENEZUELA

Pola paz e soberania dos Pobos

As organizacións sociais, políticas, sindicais, culturais, feministas, veciñais, ambientalistas, de solidariedade internacionalista e de defensa dos dereitos humanos de Galiza QUW subscribimos este manifesto, erguemos a voz contra as actuais ameazas bélicas na rexión do Caribe para expresar o máis firme compromiso coa paz, coa xustiza social e co dereito dos pobos a exercer a súa soberanía en paz, sen inxerencias imperialista. Manifestamos o noso enérxico rexeitamento ante a escalada de agresividade militar e política promovida polo Goberno dos Estados Unidos contra a República Bolivariana de Venezuela e outros países da rexión unha escalada que vulnera de maneira flagrante o Dereito Internacional e a Carta das Nacións Unidas. Nas últimas semanas fomos testemuñas de actos que traspasan todos os límites execucións extraxudiciais, despregamentos militares de gran envergadura en augas do Caribe, sancións económicas unilaterais crecentes. Acción que desde hai anos xa teñen causado vítimas inocentes e que buscan castigar aos pobos que en uso da súa soberanía deciden non render contas ao imperialismo dos EEUU. Hoxe estas acción escalan un paso mais e lembran as máis sombrías prácticas de intervención e dominación que a humanidade leva décadas presenciando e denunciando. A presenza da Frota do Sur dos Estados Unidos fronte ás costas venezolanas non é unha manobra defensiva, é un acto de guerra, tal como indica o nome do departamento encargado destas accións. Denunciamos e condenamos as execucións extraxudiciais a tripulantes sin identificar de lanchas no Caribe, cualificadas polo Secretario de Guerra dos EEUU como “execucións cinéticas letais”, e que non son mais que crimes de lesa humanidade. Rexeitamos a narrativa do “narcoestado”, utilizada historicamente para xustificar operacións de desestabilización contra gobernos que non se someten aos ditados de Washington, que non se corresponde coa realidade descrita por informes internacionais. Esta retórica busca crear un clima de opinión favorábel a unha intervención militar, e dar nunha pobre aparencia xurídica que pretende ocultar intereses xeopolíticos e económicos, nomeadamente o control dos bastos recursos enerxéticos e minerais de Venezuela. Defendemos con firmeza a soberanía do pobo venezolano e o seu dereito inalienábel a decidir o seu futuro mediante o diálogo político inclusivo, sen sancións que castiguen á poboación e sen ameazas de forza. A paz verdadeira constrúese a través do respecto mutuo, da cooperación e da aplicación imparcial do Dereito Internacional, non mediante bloqueos nin imposicións externas. Desde Galiza, que mantén unha profunda irmandade histórica con Venezuela, reafirmamos o noso deber de solidariedade. A emigración galega contribuíu á construción da Venezuela contemporánea, e hoxe a migración venezolana forma parte viva da nosa sociedade. Por iso defendemos os dereitos e a dignidade de todas as persoas venezolanas, aquí e alí, en nome desta ligazón humana e histórica que nos une a ambos os pobos.